Hoxe en día, o diagnóstico e tratamento das infeccións bacterianas supoñen un gran reto no ámbito biomédico, sendo especialmente relevantes as infeccións asociadas a implantes articulares e tecido dental.

A hipertermia (aumento da temperatura corporal) preséntase como unha alternativa para explorar e varios estudos mostraron a súa eficacia ante patóxenos infecciosos e cepas resistentes a medicamentos.

Entre os métodos para inducir hipertermia moderada (<42ºC) en tecidos vivos, resalta a radiación láser no rango VIS- NIR, que se basea en expoñer un material fotosensible a esa radiación inducindo un quecemento en remoto e unha hipertermia local controlada no tecido en contacto. Un destes materiais fotosensibles con forte absorción na rexión do infravermello é o óxido de grafeno que presenta outras características de gran interese no campo dos biomateriais.

Co auxe das tecnoloxías 3D, o desenvolvemento de dispositivos biomédicos personalizados atópase en clara expansión e requírense biomateriais máis eficientes que impliquen solucións menos invasivas e o consumo de menos recursos.

O obxectivo xeral do proxecto é o deseño e fabricación por impresión 3D dun dispositivo biomédico calentable en forma de férula dental, baseado na incorporación de óxido de grafeno nunha matriz polimérica de ácido poliláctico e a irradiación con láser VIS- NIR, para inducir unha hipertemia moderada (≤42º C) sobre o tecido gingival, logrando un efecto antibacteriano.

O proxecto presentado alíñase coas áreas tecnolóxicas e liñas prioritarias da axenda científica de CINTECX, en concreto no ámbito do RIS3 de Galicia centrado no Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación.

A presente proposta integra a tres grupos de investigación de CINTECX: Grupo Novos Materiais ( FA3), Grupo de Tecnoloxía Enerxética ( GTE) e Grupo de Deseño e Simulación Numérica en Enxeñería Mecánica ( DSN).

NOTICIAS

O pasado 14 de setembro Irene Fernández defendeu o seu TFG no Grao de Enxeñería Biomédica. Este traballo foi co-dirixido por Christian Gil e Jesús Vence do Grupo GTE.

Laura González e Sara Pérez, do Grupo Novos Materiais, asistiron ó XVI Congreso Nacional de Materiales, CNMAT 2022, en Ciudad Real, do 28 de xuño ó 1 de xullo de 2022. Alí presentaron os primeiros resultados do proxecto.

Tras unha estancia de 3 meses no Biofilm Research Group do Centre of Biological Engineeering da Universidade do Minho, a investigadora Laura González, do Grupo Novos Materiais, puido complementar a súa tesis con interesantes resultados sobre o comportamento antibacteriano da hipertermia xerada mediante a irradiación láser de dispositivos a base de óxido de grafeno.