CINTECX é o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo.
CINTECX concentra o esforzo multidisciplinar dos seus investigadores para desenvolver investigación básica e orientada e transferir coñecemento ao sector produtivo cun alto nivel de excelencia e competitividade.
A longa traxectoria dos investigadores do seu amplo equipo permite permite ao centro situarse á vangarda da I+D+i en liñas como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento de recursos naturais, a valorización de residuos industriais, o desenvolvemento e a aplicación de técnicas de fabricación avanzada e novos materiais, tecnoloxías de propulsión limpa ou a intelixencia artificial.
Obxectivos
CINTECX define os seguintes obxectivos prioritarios:
- Situarse na excelencia e na vangarda da investigación científica e tecnolóxica no ámbito industrial, incrementando o impacto da súa investigación na comunidade científica mediante publicacións de alto nivel e na sociedade mediante actividades de divulgación científica.
- Establecer unha estrutura organizada por áreas tecnolóxicas enlazadas a sectores tractores e tecnoloxías facilitadoras e emerxentes, que facilite a investigación multidisplinar e a colaboración público-privada.
- Fomentar proxectos de investigación multidisciplinares aliñados con tecnoloxías de vangarda de alto impacto para o ecosistema investigador e a sociedade galega, en colaboración con entidades nacionais e europeas, aumentando a taxa de retorno dos fondos públicos á sociedade.
- Poñer ao servizo da empresa galega e os seus sectores tractores infraestruturas singulares, que permitan aumentar a súa competitividade.
Obxectivos de desenvolvemento sostible












Historia
2014 – Investigación en tecnoloxías industriais
Desde 2014, a Universidade de Vigo traballa na consolidación das capacidades de investigación en tecnoloxías industriais.
2016 – Centro de Apoio á Investigación MTI
Así, en 2016 ponse en marcha o centro de apoio á investigación MTI (Módulo de Tecnoloxía Industrial).
2018 – INEX
En 2018 creouse o Grupo de Industria e Enerxía (Inex) que involucrou a 26 grupos de investigación. En 2018 faise unha análisise profunda da sustentabilidade dos centros dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e acordouse traballar en dous eixos prioritarios: a promoción dos grupos de investigación de referencia que participan en INEX, e a aposta por un campus de especialización en tecnoloxías.
2019 – CINTECX
Tras un periodo de reflexión, e tendo en conta as oportunidades do contexto, créase en 2019 o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais, CINTECX .
2021 – Informe favorable Consello Galego de Universidades
O 14 de xuño de 2021 o Consello Galego de Universidades informa favorablemente e acredita a excelencia científica de CINTECX, converténdose no primeiro centro de Investigación de Galicia en obter dito recoñecemento.
Actualidade – Un actor global en I+D e transferencia
CINTECX aspira a converterse nun actor global en I+D e transferencia dentro da 4ª revolución industrial, xerando coñecemento a través da investigación fundamental e transformando este coñecemento en solucións tecnolóxicas que contribúan a incrementar a competitividade da industria rexional.
FEDER / Xunta -UE
O centro e as actividades de CINTECX están cofinanciadas pola Unión Europea, dentro do programa Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) da Xunta de Galicia no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 co obxectivo temático de «promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a investigación de calidade», e o lema «unha maneira de facer Europa». PO FEDER ED431G/06.