Unha científica de Cintecx utiliza residuos da produción de aceite de oliva para a depuración de restos de medicamentos nas augas residuais

A través da carbonización hidrotermal conseguiu resultados de adsorción de contaminantes emerxentes

Empregar os residuos da produción de aceite de oliva para a depuración dos restos de medicamentos nas augas residuais e, así, impedir a súa chegada aos ríos e ao medio mariño, onde poden resultar prexudiciais para os seres vivos e os diferentes organismos que habitan estes ecosistemas. Esta é a tese que defende Silvia Escudero-Curiel, investigadora do grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, de Cintecx -Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo-, nun artigo publicado na revista Environmental Pollution, no que demostra que o tratamento é posible a través da valorización de residuos industriais transformándoos en adsorbentes de fármacos.

A presenza de certos medicamentos no medio acuático supón unha preocupación crecente polo elevado risco ecotoxicolóxico tanto para os organismos como para a saúde humana. É o caso dos antidepresivos como a fluoxetina (prozac), cuxa presenza nas augas está asociada a cambios de comportamento en peixes e moluscos, e de antibióticos de amplo espectro, como as cefalosporinas, aumentando o risco de xerar resistencias bacterianas. Estes fármacos forman parte do grupo de contaminantes emerxentes xunto a outras sustancias químicas, como determinados praguicidas, deterxentes e cosméticos, entre outros, que se detectan ultimamente nas augas residuais e que poden resultar prexudiciais para os seres vivos e os ecosistemas.

A partir do ‘alperujo’, subproduto do centrifugado da oliva

Segundo unha investigación da Unesco, estas sustancias chegan o medio mariño e de auga doce a través dos vertidos das depuradoras municipais. Neste sentido, o punto de partida para conter a expansión destes contaminantes sería o tratamento das augas. Pero, como tratalas? É posible limpalas sen que supoña un grande investimento para as plantas depuradoras, e sen que xerase máis impactos ao mesmo tempo?

Os resultados da investigación publicada por Silvia Escudero-Curiel demostran que o tratamento é posible a través da valorización de residuos industriais transformándoos en adsorbentes de fármacos. En concreto, seguindo os principios de residuo cero, no seu traballo utiliza ‘alperujo’, un subproduto resultante do centrifugado da oliva mentres se está obtendo o aceite no muíño, como precursor para obter un adsorbente que captura os contaminantes da auga que as depuradoras non eliminan.

Baseado na economía circular e xerando impacto cero, o obxectivo do traballo é valorizar os residuos procedentes de industrias locais para o tratamento de augas residuais. No caso da industria colaboradora neste estudo, Aceites Abril SL, o seu elevado volume de produción proporciona unha gran cantidade deste subproduto que pode ser utilizado como adsorbente, en lugar de ser xestionado coma un residuo.