O Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) créase hai máis de 20 anos co obxectivo de fortalecer as capacidades no ámbito da enxeñaría da enerxía e converterse nun referente académico e investigador a nivel estatal, así como nun piar do desenvolvemento tecnolóxico e científico de Galicia.

Na actualidade, o grupo conta con máis de 30 membros, situándose entre aqueles con maior produción científica e transferencia da Universidade de Vigo, con máis de 150 artigos en revistas internacionais de prestixio e máis de 100 comunicacións en congresos. Esta traxectoria valeulle diversos recoñecementos institucionais, como o de grupo de referencia competitiva galego pola calidade da súa investigación.

O GTE combina investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico no ámbito da descarbonización, da eficiencia enerxética e da transición ecolóxica, cunha forte orientación á colaboración coa industria e á participación en proxectos europeos.

Máis información:
https://portalcientifico.uvigo.gal/grupos/17752/detalle

José Luis Míguez Tabarés - jmiguez@uvigo.gal

Áreas de investigación

Liñas de investigación

  • Descarbonización da industria e da edificación: biomasa, hidróxeno verde, eólica e outras renovables.
  • Combustión e xeración térmica sostible: tecnoloxías de combustión avanzada, incluíndo o uso exclusivo de hidróxeno en media e alta temperatura.
  • Modelaxe e simulación multifísica (CFD) de sistemas termo fluído mecánicos.
  • Eficiencia enerxética: na industria, a edificación e os procesos térmicos industriais.
  • Xestión térmica avanzada: recuperación, almacenamento e refrixeración (incluíndo baterías e electrónica de potencia).
  • Integración de enerxías renovables: solucións híbridas con almacenamento térmico e eléctrico.
  • Dixitalización e Machine Learning: xemelgos dixitais, IA e algoritmos preditivos aplicados á enxeñaría.
  • Mobilidade sostible: aerodinámica de vehículos, mobilidade eléctrica e híbrida, refrixeración de baterías, sistemas anticontaminación e recuperación de calor en automoción.
  • Eólica mariña e enerxía offshore.
  • Enxeñaría biomédica e fluídos de interese biosanitario.
  • Motores térmicos e redución de emisións de CO₂.

Tecnoloxías destacables

  • Bancos de ensaio e simulación de motores de combustión interna: rendemento, emisións e sistemas anticontaminación.
  • Combustión de biomasa e biocombustibles: experimentación e optimización de procesos térmicos sostibles.