O investigador Juan Carlos Navares e o alumnado do IES de Brión gañan o concurso de Youtubers Científicos

Fíxose co premio na modalidade para persoal investigador da UVigo cun traballo no que destaca a súa capacidade de comunicar as diferenzas entre a realidade virtual, a aumentada e a mixta, cun xeito fresco, dinámico e cun toque de humor

Realidade virtual, aumentada e mixta e Por que a ciencia é relevante para a sociedade son os títulos dos traballos gañadores da 4ª edición do certame Youtubers Científicos, organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo e enmarcado dentro do plan anual de actividades Ciencia de ida e volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).

Na primeira edición na que o concurso abriu a súa participación ao alumnado de Secundaria e Bacharelato, o alumnado de 1º da ESO A do IES de Brión foi o gañador co seu traballo Por que ciencia é relevante para a sociedade, un vídeo moi creativo e colaborativo, no que o estudantado explica de xeito sinxelo e orixinal a relevancia do coñecemento científico para a sociedade. Pola súa banda, o investigador do grupo Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx Juan Carlos Navares fíxose co premio na modalidade para persoal investigador da UVigo cun traballo no que destaca a súa capacidade de comunicar as diferenzas entre a realidade virtual, a aumentada e a mixta, cun xeito fresco, dinámico e cun toque de humor.