RAGC e Fundación Barrié distinguen dous traballos feitos na UVigo como as mellores investigacións de Galicia e otorgan un accésit a un estudio de CINTECX, liderado por Antía Fernández Sanromán. A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié acaban de facer públicas as propostas gañadoras dos premios de investigación que convocan de maneira conxunta co obxectivo de recoñecer as mellores investigacións que se desenvolven na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Dotados con 5000 euros cada un, a entrega de premios será o vindeiro mércores día 5 no Pazo de San Roque en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.
Un proceso innovador e sustentable para eliminar a presenza de fármacos na auga
Na categoría de Ciencias Técnicas outorgouse tamén un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, liderado por Antía Fernández. Neste caso a investigadora explica que a presenza de contaminantes farmacéuticos persistentes na auga, mesmo en concentracións moi baixas, ten un impacto significativo na saúde humana e no ambiente.
Debido á súa resistencia e baixa concentración, estes contaminantes non se eliminan completamente coas técnicas convencionais de tratamento de auga, o que xera a necesidade de desenvolver novos procesos. Así, este traballo aborda a implementación de procesos de oxidación avanzada, facilitando a transformación dos contaminantes en substancias minerais. “Este enfoque innovador permite alcanzar boas taxas de degradación cun consumo enerxético reducido e unha notable minimización da xeración de residuos metálicos, garantindo unha maior sustentabilidade e adaptabilidade para a súa implementación a grande escala” -aseguran-.