O Ciclo Aida Fernández Ríos detense na urxencia da transición cara combustibles sostibles da man da UVigo

Promovido pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra

DUVI PONTEVEDRA | Dirixido a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación Pontevedra promoven o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que este xoves terá como protagonista ao catedrático da Universidade de Vigo Jacobo Porteiro. Nunha conferencia programada para as 19.00 horas, que poderá seguirse de xeito virtual, Porteiro porá de relevo a “urxencia” de acometer unha rápida transición cara combustibles fósiles para un futuro descarbonizado.

Segundo informou a RAGC, as enerxías renovables e a sostibilidade serán os temas centrais da intervención do catedrático da Escola de Enxeñería Industrial e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx). “Un dos principais retos que a sociedade mundial afronta para o seu desenvolvemento é a dispoñibilidade dunha enerxía barata e limpa”, salienta Porteiro. “Durante décadas, o noso desenvolvemento baseouse fortemente na dispoñibilidade de combustibles fósiles, baratos, con gran densidade de enerxía e de fácil transformación en calor ou traballo. Non obstante, o uso masivo destes combustibles xerou un grave problema ambiental que debemos afrontar a escala mundial”, engade o investigador da Área de Máquinas e Motores Térmicos….