O catedrático Pedro Arias recolle a medalla Isidro Parga Pondal pola súa traxectoria no eido das ciencias técnicas

Recoñece o “brillante labor investigador” no campo das xeotecnoloxías, en particular xeointelixencia

DUVI 08/10/2024
Pedro Arias, catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e investigador do Cintecx, recibiu este martes a medalla Isidro Parga Pondal no eido das ciencias técnicas, no transcurso do acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia. Esta distinción, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias, recoñece o seu “brillante labor investigador, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial e a información xeoespacial”. A RAGC tamén valorou, á hora de outorgarlle esta medalla, que aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos.

No acto, celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, tamén se entregaron o resto de Medallas de Investigación de Galicia: a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, para o profesor Santiago Lago, recentemente incorporado á UCS dende a UVigo; a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, para Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC; a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, para Alberto Bugarín, do CiTIUS da USC; e a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía, que foi para Diego Peña, do CiQUS da USC.