Novas tendencias en procesos enerxéticos da man de catro relatores do Imperial College de Londres

O pasado xoves, 7 de abril de 2025, celebrouse en CINTECX o seminario “New Trends in Energy Processes”, presentado polo catedrático e investigador de CINTECX, Ramón Nóvoa. Este evento contou coa participación de destacados expertos do Imperial College de Londres no campo da enerxía, quen presentaron as súas investigacións e avances máis recentes.

Tras a introdución do Profesor Nóvoa, os poñentes abordaron os retos enerxéticos que plantea o cambio climático e expuxeron os últimos avances das súas investigacións, presentando propostas innovadoras capaces de ofrecer alternativas viables ás novas necesidades enerxéticas.

O profesor Luca Magri do departamento de Aeronáutica do Imperial College, inaugurou a sesión coa súa ponencia sobre “Xemelgos dixitais en tempo real e aprendizaxe automático científico con aplicacións en mecánica de fluídos térmicos”, explicando a aplicación de machine learning en mecánica de fluídos. A continuación, o doutor Anh Khoa Doan da facultade de Enxeñería Aeroespacial da Universidade Técnica de Delf dos Países Baixos, realizou a súa presentación sobre “Métodos de aprendizaxe automático científico para fluxos reactivos: análise e control”.

Posteriormente, o doutor Andrea Giusti, do departamento de Enxeñería Mecánica, do Imperial College de Londres, realizou un percorrido pola evolución das necesidades enerxéticas da industria da aviación e como mellorar a eficiencia enerxética das aeronaves a partir de estratexias innovadoras en modelos híbridos de uso de hidróxeno.

O seminario finalizou coa ponencia da doutora Andrea Nóvoa, tamén do Imperial College, do departamento de Aeronáutica, onde falou de xemelgos dixitais na súa charla titulada “Inferir o descoñecido: xemelgos dixitais en tempo real para a aviación sostible”.

O persoal de CINTECX tivo a oportunidade de coñecer os últimos avances de primeira man e de interaccionar cos diferentes poñentes.