Investigadores dun equipo de CINTECX artífices do deseño e construción da estrutura mecánica do detector Califa

O detector Califa, listo para funcionar en Alemaña tras case 20 anos de traballo.

DUVI 25/01/2024
Despois de case 20 anos de traballo, o detector Califa xa está listo para funcionar en Alemaña. Liderado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, este calorímetro conta coa participación de investigadores de CINTECX da Universidade de Vigo. Os seus últimos módulos instaláronse esta semana no laboratorio de física nuclear FAIR.

O proxecto arrancou en 2005 e un ano despois incorporáronse investigadores do grupo CIMA da Universidade de Vigo. Na actualidade, a institución viguesa forma parte da iniciativa a través do grupo de Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica (DSN), adscrito ao Cintecx. Dirixido polo profesor Enrique Casarejos, o equipo vigués é o artífice do deseño e construción da estrutura mecánica do detector. Ademais, varias empresas galegas, especializadas na fabricación de fibra de carbono, mecanizado de precisión e metroloxía, achegaron tamén o seu coñecemento a esta iniciativa.

Este calorímetro é capaz de detectar simultaneamente partículas cargadas e radiación gamma, cubrindo un rango enerxético “sen precedentes”: dos kiloelectrónvoltios (KeV) a centos de megaelectrónvoltios (MeV). A tecnoloxía de detección utilizada neste tipo de detectores, así como as técnicas de reconstrución da información obtida, indican os seus responsables, son semellantes ás que se desenvolven no campo da imaxe médica. De feito, engaden, a I+D realizada para Califa deu pé a un proxecto de “proba de concepto” cuxa finalidade é acelerar a transferencia de coñecemento e resultados xerados no ámbito da investigación fundamental.