Garantir o acceso universal e equitativo á auga é un dos principais retos aos que se enfronta a humanidade, sobre todo cando 4000 millóns de persoas sofren na actualidade escaseza, unha tendencia que ademais está en crecemento. Unha solución para facer fronte á seca podería estar no aire que respiramos, segundo os investigadores do grupo LaserON, que forma parte do centro Cintecx da Universidade de Vigo. Os expertos, en colaboración con científicos franceses, deseñaron un innovador sistema que permite a recolección de auga de resío, cuxos detalles se recollen nun artigo que acaba de ser publicado na revista internacional Advanced Materials. A súa proposta baséase no microtexturizado láser que permite recoller a auga do resío do mesmo modo que o fan as plantas durante a noite.
A publicación, que ocupa a portada do último número da revista, está asinada por tres investigadores do Cintecx (o catedrático Juan Pou, director do grupo LaserOn; o profesor Antonio Riveiro e o investigador Pablo Pou-Álvarez) xunto con algúns dos maiores expertos en condensación de auga de resío, como Daniel Beysens (Physique et Mécanique des Milieux Hétérogènes, CNRS, ESPCI, Francia); Tarik Bourouina (Esycom Lab, CNRS, Francia); e Anne Mongruel (Sorbonne Université, Francia).
Un sistema pasivo, robusto, simple e duradeiro
Os investigadores da UVigo explican que o vapor de auga atmosférico, “ignorado ata hai relativamente pouco, pode considerarse un recurso complementario viable de auga doce, xa que a atmosfera non só contén unha enorme cantidade deste vapor (maior ca dispoñible en todos os ríos da Terra), senón que ademais está en todas partes e pode obterse sen restricións xeográficas nin hidrolóxicas, dende os desertos máis áridos ata as cidades máis húmidas”. Non obstante, o aproveitamento deste recurso ten sido moi complicado, xa que como explican os enxeñeiros, os métodos empregados ata agora para poder recollelo “requiren considerables recursos enerxéticos ou dependen de refrixerantes, o que contribúe aínda máis ao quecemento global e ao esgotamento da capa de ozono”.
Pola contra, o método presentado polos enxeñeiros do Cintecx é “pasivo, xa que non precisa enerxía eléctrica, é robusto, simple e duradeiro” e baséase no xeito no que as plantas colleitan pola noite a auga do resío.
Rexistro dunha solicitude de patente
O novo sistema, para o que xa rexistraron unha solicitude de patente europea, consiste nunha superficie metálica á que lle proporcionaron unha microtextura superficial mediante un tratamento específico con láser. “Esta superficie microtexturizada”, explican, “consegue autoenfriarse ao exporse ao ceo nocturno grazas á súa emisividade infravermella mellorada, o que provoca unha condensación de auga similar ao resío natural nas follas das plantas”. O microtexturizado láser promove a condensación en forma dunha lámina continua sobre a superficie en lugar de gotas dispersas, á diferencia do que sucede nas follas, e isto permite “unha recolección eficiente e autónoma da auga”.
O sistema foi probado durante máis dun ano de xeito continuado na azotea do Institute de Physique du Globe, en París, “demostrándose así a súa robustez e bo funcionamento”.