DUVI | Un ano máis o persoal investigador da Universidade de Vigo volve unirse á celebración do Pint of Science, o festival de divulgación científica que aposta por levar a ciencia e o coñecemento aos bares para achegalo á cidadanía. Ao longo de tres días, entre o 22 e o 24 deste mes, seis científicos e científicas da UVigo ofrecerán relatorios e obradoiros no bar Cañaveral arredor de temáticas diversas que comprenden dende a intelixencia artificial á fotosíntese pasando polas ondas electromagnéticas ou a supervivencia do salmón.
O programa arrancará o luns 22 ás 20.00 horas cunha sesión dobre sobre átomos e galaxias. A primeira intervención será a de Jose Lorenzo Alonso Gómez, investigador de Cintecx, que ofrecerá un relatorio titulado “¿Moléculas quirales para H2 verde?” no que realizará un paseo polo mundo da quiralidade, as moléculas quirais e como estas poden facilitar a obtención de H2 verde.