Investigadores de CINTECX lideran un proxecto que revolucionará o proceso de reciclaxe do vidro

EverGLASS propón desenvolver unha tecnoloxía radicalmente nova denominada “glass laser transformation” que permitirá aos usuarios introducir residuos nunha nova máquina e seleccionar que novo.

DUVI 17/01/2024
A pesar de que a reciclaxe de vidro pode considerarse un caso de éxito comparado con outros materiais, cada ano 28.000 millóns de botellas e recipientes de vidro acaban en vertedoiros sen posibilidade de seren reciclados. Pare reverter esta situación, o grupo de Aplicacións Industriais dos Láseres, LaserON, da Universidade de Vigo lidera un proxecto europeo que tratará de revolucionar o proceso de reciclaxe do vidro desenvolvendo unha tecnoloxía radicalmente nova denominada glass laser transformation. Cos profesores Juan Pou e Rafael Comesaña á cabeza, este grupo, que forma parte do Cintecx, lidera EverGLASS, que conta con socios de Eslovaquia, Alemaña e Francia, e con representación española por parte do CSIC. Cunha duración de tres anos e un orzamento de preto de 3 millóns de euros (783.750 euros para a UVigo), o proxecto foi seleccionado na convocatoria EIC Pathfinder Open no marco do Horizon Europe.

O obxectivo de EverGLASS – The new role of glass in a sustainable society. Technology for the integral recycling of glass – é transformar radicalmente a reciclaxe e utilización de residuos de vidro mediante o desenvolvemento dunha innovadora tecnoloxía de transformación láser. O seu enfoque, salienta, é innovador porque integra a reciclaxe no proceso de fabricación de produtos de vidro a medida, ofrecendo unha solución aos desafíos medioambientais asociados cos residuos de vidro.

Este mércores a Escola de Enxeñería Industrial acolleu a reunión de lanzamento do proxecto, na que participaron representantes das entidades socias acompañados, no acto de apertura polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo director da EEI, Juan E. Pardo. Ambos fixeron fincapé na importancia que ten para a escola e para a UVigo un proxecto desta envergadura. O reitor salientaba o “orgullo” que supón para Universidade que sexa un grupo vigués o que coordine unha iniciativa coma esta, que contribúe a unha “Europa máis forte e máis competitiva, que avance na reindustrialización” pero que tamén sexa “máis verde e sostible”. Para acadalo salientou o papel que xogan, como é o caso deste proxecto, das institucións, universidades e centros de investigación, que axudan a que Europa sexa “máis competitiva fronte a outros sistemas como EEUU, Xapón ou outros países asiáticos”.

Unha nova proposta para unha transformación radical do proceso de reciclado do vidro

O catedrático Juan Pou explica que o proceso actual de reciclaxe de vidro emprega tecnoloxía madura baseada en grandes instalacións que centralizan o proceso. “Isto supón un alto consumo de enerxía para fundir toneladas de vidro mediante un proceso pouco flexible” a isto únense os “custes de transporte do vidro ás grandes plantas de reciclaxe”. EverGLASS propón desenvolver unha tecnoloxía radicalmente nova (glass laser transformation) que se basea no emprego da tecnoloxía láser para a reciclaxe de vidro in situ. De xeito, explican os investigadores, “poderanse xerar produtos personalizados ou técnicos cun menor consumo enerxético, menor emisión de CO2 á atmosfera e menores custes de transporte”. E cal é o xeito de facelo? Os investigadores explican que os usuarios introducirán residuos nunha nova máquina e seleccionarán que novo produto queren obter. “Isto suporá pasar dun concepto de reciclaxe centralizado a outro distribuído, no que as persoas xogarán un papel fundamental”.