O Grupo de Investigación LASERON créase en 1996 co obxectivo de desenvolver e aplicar tecnoloxías láser en procesos industriais, con especial atención á fabricación avanzada e á caracterización de materiais. Con máis de 25 anos de experiencia, o grupo consolidouse como un referente nacional e europeo.
Na actualidade, conta con 15 membros e supera as 150 publicacións científicas, o que reflicte a súa intensa actividade investigadora. Dispón dunha infraestrutura singular na Península Ibérica, con fontes láser de alta potencia, estacións de produción aditiva de deseño propio, sistemas de baleiro, cabezais láser personalizados e cámaras de alta velocidade, situándose entre as dez máis relevantes de Europa no seu ámbito.
LASERON foi recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia e mantén unha forte vocación de transferencia tecnolóxica. A súa misión é contribuír ao benestar social e ao desenvolvemento sustentable mediante a xeración e transmisión de coñecemento, orientando a súa investigación aos retos do sector produtivo e madurando novas técnicas cara á súa aplicación empresarial. A súa visión é converterse nun entorno de investigación e transformación de referencia global, conectado con redes internacionais, competitivo, responsable e comprometido co medio ambiente.
Máis información:
https://portalcientifico.uvigo.gal/grupos/17726/detalle
Juan María Pou Saracho - jpou@uvigo.gal
