O investigador de CINTECX e catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Juan Pou Saracho, e a tamén catedrática de Dereito Internacional Privado e decana da facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Laura Carballo Piñeiro, recibirán as Medallas de Investigación que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en recoñecemento as súas traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas.
Carballo e Pou recibirán cadansúa distinción, xunto aos tamén galardoados investigadores da UDC, Nieves Rodríguez Brisaboa, Francisco J. Blanco García e María Carmen Veiga Barbazán, nun acto que se celebrará o 8 de outubro en Santiago de Compostela, co gallo do Día da Ciencia en Galicia.
“Un recoñecemento á investigación sobre as aplicacións do láser en Galicia”
Juan María Pou Saracho (A Guarda, 1963), catedrático de Física Aplicada da UVigo, recibirá o vindeiro 8 de outubro a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas da RAGC. “Referente internacional no eido das aplicacións láser”, sinala a Real Academia, as liñas de traballo de Pou céntranse na industria, a saúde e a sostibilidade; con preto de oito millóns de euros acadados en proxectos e contratos e 34 patentes.
“Este galardón é un recoñecemento a todas as persoas que desde os anos 1980 se dedicaron e seguen a dedicarse a investigar sobre as aplicacións do láser en Galicia e, en particular, ao noso grupo da Universidade de Vigo. Agradézolle aos meus compañeiros do Cintecx por crear un magnífico ambiente de traballo para desenvolver a nosa investigación”, sinala Pou, de quen a RACG destaca os seus traballos de valorización dos produtos e residuos xerados nas cadeas de produción vencelladas ao mar, como o aproveitamento de espiñas e ósos de peixe para obter fosfatos de calcio. A mellora da eficiencia dos sistemas mecánicos empregados nas artes de pesca e de produtos e servizos nos sectores da automoción, construción naval, aeronáutico, téxtil e da pedra natural para obter unha industria intelixente e sostible; o desenvolvemento de novos produtos para as industrias farmacéutica e biotecnolóxica ou a obtención de próteses e implantes con propiedades mecánicas melloradas, son outras liñas de traballo destacadas da actividade investigadora desenvolvida
polo catedrático da UVigo.
Así mesmo, a RAGC destaca a participación de Pou nun proxecto europeo centrado no uso da tecnoloxía láser para reciclar o vidro que non se recicla, como o empregado en produtos farmacéuticos ou en dispositivos electrónicos como teléfonos móbiles e pantallas de ordenador.