Estudantes de bacharelato de toda Galicia e alumnos/as do programa de maiores recorren Cintecx nunha nova xornada de portas abiertas – 27 de outubro de 2023
Máis de cen estudantes de bacharelato tecnolóxico de diferentes centros da comunidade galega e do Programa de Maiores da UVigo tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man, na Xornada de Portas Abertas CINTECX 2023, as instalacións e os grupos de investigación do Centro.
Actividades
Os alumnos do programa de maiores puideron gozar dunha visita guiada na que coñeceron os diferentes laboratorios e instalacións do centro e as actividades desenvolvidas polos nosos investigadores.
Os estudantes de bacharelato dos Institutos de Educación Secundaria Carlos Casares, Beade e Castro de Vigo e do Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, divididos en varios grupos e, mapa en man, foron percorrendo as instalacións do centro en diferentes rutas, a modo da ruta do tesouro, buscando cada un dos laboratorios/instalacións indicados no mapa, onde lles esperaban os investigadores do centro para explicarlles diferentes proxectos e actividades e propoñerlles diferentes probas que debían superar para poder seguir avanzando na procura do tesouro. Unha vez completado o percorrido, esperáballes unha proba final para comprobar os coñecementos adquiridos durante a visita. Unha competición moi disputada na que os gañadores puideron alzarse co tesouro, diferentes agasallos e sorpresas para lembrar a experiencia.
Ruta 1
Nesta ruta o alumnado tivo que ir realizando e superando as seguintes actividades e probas.
Procesamento láser
Guiados polas investigadoras Mónica Fernández e Ana Vilas, nesta actividade os alumnos puideron descubrir o tratamento de materiais con láser.

Corrosión: un problema, unha solución e unha oportunidade

As investigadoras Nuria Pereira, Carmen Mª Mariño e Sara Valverde propuxeron unha experiencia baseada na corrosión e o seu aproveitamento. Con sinxelas experiencias e con métodos electroquímicos, os alumnos puideron visualizar reaccións anódicas e catódicas e clasificar metais en función do seu potencial electroquímico entroutras actividades.
Biosurfactantes: Novos Compostos Biodegradables
Os investigadores Xanel Vecino e Alejandro López falaron ao alumnado sobre os surfactantes, centrando o foco nos biosurfactantes, especialmente os obtidos a partir dos licores de lavado de millo, un residuo da industria agroalimentaria, e as súas diversas aplicacións a nivel industrial.

Montaxe de maquinaria

Os investigadores Abraham Segade, Sofía Suárez, Jacobo González e Enrique Casarejos levaron a cabo unha breve presentación/discusión cos alumnos sobre como se afronta a análise de maquinaria hoxe en día. Como exemplo de máquina explicóuselles como funciona unha serra de calar manual, mostrando un 3D da súa construción e os compoñentes que a forman. Os alumnos puideron ver o 3D da montaxe dunha caladora e os seus compoñentes, debendo montar eles mesmos unha caladora e verificar que todos os compoñentes encaixan.
Vendo o descoñecido (xeorradar)
Coa actividade preparada polos investigadores Mercedes Solla, Jesús Balado e Álex Alonso, os alumnos adentráronse a ver o descoñecido a través do uso de xeorradar, unha técnica non destructiva baseada na emisión/recepción de impulsos electromagnéticos.

Dracarys

Os investigadores Ana Larrañaga, Sergio Moldes, Marta González e Juan José Paradelas realizaron unha experiencia experimental na que explicaron que é a combustión e realizaron un experimento de propagación de chama que empregaron tamén para completar a explicación sobre os distintos tipos de chama e sobre o concepto de enerxía de activación.
Actividade final: Kahoot
Como proba final, os alumnos participaron nun concurso de Kahoot para pór a proba os seus coñecementos. Tiveron que respostar a unha serie de preguntas relacionadas coas actividades realizadas. Os gañadores obtiveron o tesouro, un premio especial, aínda que houbo regalos e sorpresas para todos.
Ruta 2
Nesta ruta o alumnado tivo que ir realizando e superando estoutras actividades e probas.
Remediación de aguas contaminadas

A investigadoras Aida Díez, Silvia Escudero e Verónica Poza achegaron aos alumnos aos procesos de remediación de augas contaminadas (absorción, proceso Fenton, etc.). En concreto, faláronlles de efluentes contaminados con colorantes.
Termografía Infravermella
Nesta actividade os investigadores Iván Gándara e Víctor Tierra introduciron aos alumnos no impacto da análise termográfica enfocada e a eficiencia enerxética para explicar, a continuación, a radiación infrarvermella e a teoría da termografía. A actividade rematou con exemplos prácticos coa cámara termográfica.

Enxeñería inversa

Os investigadores Luis Riobó e Carlos Rivero amosaron aos alumnos o funcionamento do escáner 3D con distintos exemplos e actividades prácticas.
Por que o ceo é azul
O investigador Félix Quintero, empregou técnicas láser para desvelar aos alumnos curiosidades coma a cor do ceo.
Banco de probas de motor asíncrono, xenerador síncrono e rectificador
Nesta actividade, Alejandro Yepes amosou aos alumnos ensaios cun banco de probas que dispón de diferentes aparellos. Un variador conectado á rede eléctrica permite controlar mediante control V/f un motor trifásico asíncrono.

Alta velocidade

Os investigadores Gadyel de Morais e Miguel Concheiro desafiaron a capacidade da vista humana a través da cámara de alta velocidade, ralentizando a realidade e permitindo observar detalles que escapan ao ollo humano, converténdoa nunha verdadeira atracción para os estudantes.
Actividade final: Kahoot
Coma na ruta 1, os alumnos participaron nun concurso de Kahoot para pór a proba os coñecementos que adquiriron ao longo da súa ruta e así poder obter finalmente o tesouro.
