Doce investigadoras do ámbito tecnolóxico e industrial con motivacións e traxectorias diferentes uníronse para inspirar as vocacións das alumnas máis novas nun calendario ilustrado no que contan a súa experiencia e o seu traballo, animando a estudar disciplinas STEM. Co obxectivo de visibilizar as mulleres científicas, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, presentou este mércores o seu calendario 2025. O acto enmárcase nas accións para conmemorar o Día internacional da muller e da nena na ciencia, que se celebrará o vindeiro 11 de febreiro e incluíu a inauguración da exposición Mulleres investigadoras en Cintecx que permanecerá no centro ata finais de febreiro.
Inaugurou este encontro a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio Armesto, quen aproveitou para facer un pequeno percorrido polos perfís das investigadoras que participan no calendario Cintecx 2025, destacando as súas frases “máis motivadoras”. A continuación, a directora do centro, Ángeles Sanromán Braga, presentou a iniciativa e resaltou que a porcentaxe de mulleres investigadoras no ámbito tecnolóxico e industrial segue estando por debaixo do desexable, incidindo na necesidade de traballar en iniciativas que fomenten as vocacións científicas femininas desde a etapa escolar.
Durante a xornada, algunhas das investigadoras protagonistas do calendario tiveron tamén a oportunidade de contar a súa experiencia. Desde o ámbito da ciencia de materiais, a investigadora Gloria Pena Urís, do grupo Encomat -que conta con maioría de mulleres-, resaltou a importancia de partir dun equilibrio entre homes e mulleres para que o avance sexa máis frutífero, destacando que “necesitamos incluír a visión de ambos os xéneros”.
Tras a intervención de Gloria Pena, levouse a cabo á mesa redonda Igualdade na Investigación, que contou coa participación da directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro; a coordinadora da Unidade de Medio Ambiente de AIMEN, Luz Herrero Castilla; a directora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Beatriz Novoa García, así como a propia directora de Cintecx, Ángeles Sanroman, e a investigadora Gloria Pena.
Mulleres investigadoras rompendo estereotipos
Moderada por Sanromán, a mesa redonda foi unha oportunidade para que as relatoras compartisen as súas experiencias e puxesen de manifesto as dificultades ás que se enfrontaron ao longo da súa carreira.
Levar aos fillos de estancia ao estranxeiro para compaxinar a maternidade coa investigación foi unha das moitas situacións que tiveron que afrontar estas mulleres para poder avanzar na súa carreira, ás que se suman outras dificultades como o coidado de fillos, pais, familiares, saídas a congresos, viaxes e reunións, entre outras. Por este motivo, a directora do IIM-CSIC, Beatriz Novoa apuntou á importancia de traballar en todos os aspectos da carreira investigadora, desde a etapa escolar ata a fase de consolidación “cando é máis necesario coidar ás científicas para que non abandonen polas dificultades para conciliar coa maternidade”.
“Para afrontar estas dificultades son necesarias as medidas de acción positivas, porque as mulleres seguen estando por detrás”, destacou a vicerreitora. “A UVigo promove medidas únicas como a convocatoria de retención de talento ou o desconto do período docente durante o primeiro ano despois do parto para facilitar que as mulleres poidan investir máis na investigación e non queden atrás”.
Pola súa banda, Yolanda Rodríguez, expresou a necesidade de que os homes sexan os aliados da igualdade e que “non nos vexan como competidoras”. Fomentar as masculinidades igualitarias e coidadosas para unha sociedade máis xusta. “Cada vez imos abrindo e rompendo con estereotipos pero queda moito por facer, sobre todo desde abaixo, desde que son nenos e mozos”, foi unha das afirmacións que xerou máis acordo na mesa, sinalada neste caso por Teresa Rivas, unha das investigadoras que participa na iniciativa.
No caso de Luz Herrero, responsable de Tecnoloxías Ambientais da División de I+D+i de Aimen, destacou que “é fundamental visibilizar o traballo das investigadoras e a súa contribución á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico”. Nesta liña, subliñou que en Aimen, “traballamos cada día en proxectos que impulsan a sustentabilidade e a eficiencia na industria, e é un orgullo formar parte dun equipo no que o talento e a excelencia son os verdadeiros motores do avance científico. Participar en iniciativas como esta exposición é unha oportunidade para compartir experiencias, inspirar a novas xeracións e seguir construíndo un futuro no que a ciencia conte con todas as voces.”