CINTECX leva un ano máis a súa ciencia á feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

Cintecx participa con tres stands: Xeointelixencia artificial e xemelgos dixitais, Xeotecnoloxías para a dixitalización e a realidade aumentada na toma de decisións y Crea, degrada e transforma para descontaminación de augas.

DUVI Pontevedra  23/05/2025

A comarca do Deza será o escenario da cuarta edición da expo-feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, que terá lugar o vindeiro venres 30 de maio en Lalín. Por primeira vez, a feira celebrarase fóra das cidades nas que se asentan os campus da Universidade de Vigo, co obxectivo de descentralizar a divulgación científica e contribuír ao impulso do desenvolvemento local. Con máis de 20 actividades interactivas, a feira busca espertar a curiosidade científica e fomentar as vocacións STEM entre as crianzas e a mocidade, sen perder de vista o público xeral. A través de obradoiros, experimentos, charlas, arte e espectáculos, a xornada convida a descubrir que a ciencia tamén se fai fóra dos laboratorio e está presente na vida diaria, ao tempo que pretende achegar referentes femininos no ámbito investigador, visibilizando o traballo das científicas da UVigo.

Con diferentes actividades ao longo da xornada, a feira terá nesta ocasión como sede o interior e o exterior do edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, que este venres acollía a presentación deste evento, na que participaron o alcalde de Lalín, José Crespo; as vicerreitoras de Investigación e Transferencia, Belén Rubio; e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e a concelleira de Igualdade, Carmen Canda.

Espertar vocacións levando a ciencia a rúa

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da Universidade, dentro do programa anual de actividades ‘Ciencia de Ida e Volta’, esta feira conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello, lembrou Rubio, quen destacou que o seu obxectivo é achegar “o traballo que facemos na Universidade a toda a cidadanía e, en particular, aos nenos e nenas”. Con esa idea, tras tres edicións en Vigo e Pontevedra e que foron “un éxito” en termos de participación, neste 2025 avogouse por “chegar a zonas máis afastadas dos campus”, neste obxectivo, sinalou Rubio, de “espallar o noso coñecemento eespertar vocacións científicas” entre a mocidade e, nomeadamente, entre as nenas.

Nesa mesma liña, Valderrama salientou a importancia de outorgar “visibilidade á figura da muller científica”, a través dun evento que permite un contacto directo coas investigadoras, contribuíndo a “ese labor fermoso de sacar a ciencia ás rúas, cunha linguaxe moi próxima”. José Crespo, pola súa banda, puxo de relevo a importancia de levar “esta iniciativa fóra das cidades”, convertendo Lalín “na capital científica galega o día 30”, aspecto no que tamén incidiu Bastos, quen destacou que celebrar este evento en Lalín “é un paso máis para democratizar o acceso á ciencia” na provincia. A deputada provincial lembrou tamén que, se ben, “as mulleres representan a maioría do alumnado universitario, seguen sendo minoría” nas titulacións deste eido, “e non é por falta de capacidade ou de intereses, senón polo peso dos estereotipos, dos roles de xénero e das barreiras sociais que seguen condicionando as eleccións educativas das máis novas”, o que fai necesario “mostrar referentes á mocidade”, engadiu Canda.

Máis de 20 actividades para todos os públicos

A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais encargouse de debullar o programa dunha xornada que arrancará, pola mañá, coa visita á feira de 180 alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria de cinco colexios do municipio, os CEIP Varela Buxán, Vicente Arias de la Maza, Xesús Golmar, Manuel Rivero e Xoaquín Loriga. En paralelo, preto de 60 estudantes de 4º da ESO participarán en obradoiros sobre desinformación, matemáticas ou sostibilidade global e local.

Pola tarde, a feira abrirá as súas portas a toda a cidadanía, con entrada libre e gratuíta. Desde as 16.00 horas, 24 obradoiros e stands interactivos ocuparán distintos espazos do exterior e interior do edificio sociocultural para ofrecer experiencias participativas: xogos divulgativos, experimentos, tecnoloxías innovadoras, retos matemáticos, arte, troco de obxectos, e ata unha maqueta de satélite ou un monopraza fabricado por estudantado universitario.

Cintecx participa con tres stands

O grupo de Xeotechnoloxías Aplicadas (Xeotech) e o grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles de CINTECX, participan un ano máis na feira cos stands: Xeointelixencia artificial e xemelgos dixitais, Xeotecnoloxías para a dixitalización e a realidade aumentada na toma de decisións y Crea, degrada e transforma para descontaminación de augas.

Xeointelixencia artificial e xemelgos dixitais

Xeotech | CINTecx

Explora connosco como a tecnoloxía máis destacada entende o territorio para coidalo mellor. Desde a seguridade viaria mellorada ata a modelización e dixitalización dos recursos hídricos, grazas aos xemelgos dixitais. Coñece os resultados dos proxectos Roads2Win e E-Hydro.

Crea, degrada e transforma

BIOSUV | CINTEcX

Sabías que existen alternativas menos contaminantes para o tratamento de augas? Aprende técnicas sorprendentes para eliminar os contaminantes das nosas augas.

Xeotecnoloxías para a dixitalización e a realidade aumentada na toma de decisións

Xeotech | CintecX

Prepárate para unha viaxe interactiva polo presente e futuro da enxeñaría. Desde a detección temperá de danos no formigón armado, ata a realidade aumentada para visualizar entornos 3D e asistir aos operarios en tempo real. Descrubre os resultados dos proxectos OVERSIGHT e SUMARE.