Cinco mulleres do ámbito da investigación pública e privada compartiron este xoves experiencias no campus de Vigo na xornada Mulleres que lideran, unha iniciativa impulsada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, e o centro tecnolóxico Aimen co obxectivo de fomentar a continuidade da carreira investigadora das mulleres que traballan nestes ámbitos dándolle pautas a seguir que lles axuden a forxar unha carreira profesional exitosa.
A directora de CINTECX, Ángeles Sanromán, inaugurou a xornada destacando a necesidade de reter e apoiar o talento feminino na investigación e repasando os fitos en igualdade acadados polo centro. “O número de mulleres matriculadas en diferentes graos no ámbito da enxeñería segue sendo moi inferior ao dos homes, sendo apenas circunstancial na enxeñería eléctrica e electrónica, e practicamente inexistente na enxeñería mecánica”. Sanromán presentou tamén o programa de mentoría do centro, que busca intercambiar experiencias, coñecementos e competencias entre persoas cunha longa traxectoria laboral, mentores, e aquelas que están a realizar os seus estudos, co obxectivo de fomentar a continuidade da carreira investigadora.
A importancia de “ter referentes”
“A través deste tipo de eventos, nos que contamos coa experiencia de mulleres cunha ampla traxectoria, podemos extraer aprendizaxes e coñecementos que axuden a outras investigadoras que están en etapas temperás a continuar o seu traballo e a ter referentes nos que se poidan mirar”.
A continuación, Luz Herrero, coordinadora da Unidade de Tecnoloxías Ambientais de Aimen, fixo un repaso polos seus 20 anos de traxectoria neste centro tecnolóxico, comentando os retos aos que tivo que facer fronte na coordinación de proxectos de diverso alcance, ofrecendo un resumo de pautas e consellos a seguir. Herrero destacou que o aumento do liderado e da coordinación require unha maior dedicación á xestión, aínda que quizais esa parte non é tan atractiva pero tamén é necesaria.
Moitos consellos útiles contados en primeira persoa
Seguidamente, a investigadora de CINTECX Aida Díez Saraiba achegou unha serie de consellos útiles resumidos nun decálogo, destacando a importancia de “ser perseverante e ter autoestima, crer en ti mesma e na túa idea, e aprender das propostas que non se conseguen para mellorar”. A investigadora destacaba que nunca se sentiu discriminada por razóns de xénero nin idade e afirmou sentir “que teñen en conta a miña opinión. Non noto grandes problemas.”
Pola súa parte, a investigadora Concepción Paz, exdirectora de CINTECX, sinalaba durante a súa intervención que, a pesar de que se avanzou moito e cada vez é menos común atopar discriminación por xénero neste ámbito, segue sendo necesario realizar este tipo de eventos porque estas situacións aínda existen e a porcentaxe de alumnas segue sendo moi inferior á dos alumnos neste ámbito. “Aínda non somos capaces no noso ámbito de atraer talento feminino. Hai moito traballo por facer.”
Paz tamén apuntaba que na titulación de Enxeñería Mecánica non tivo ningunha alumna dun total de 38 alumnos. “Cando comecei, fun a segunda muller do Departamento de Enxeñería Mecánica e, hoxe en día, dun total de 65 persoas, somos tres mulleres, sen contar o grupo de estudantes. Fun a primeira muller directora do Departamento de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos.” “Temos que ser competentes e é fundamental a formación. CINTECX fomenta a cultura da vida académica, programas de formación e capacitación no uso de equipos, programas de mentoría, porque é vital estar integrados, conectados, empapados de como se fai a investigación e que camiño tomar en cada situación”, apuntaba Paz.
Importancia da conexión industria-Universidade
Desde Aimen, Afra María Pertusa Llopis e Lourdes Blanco Salgado tamén compartiron a evolución ao longo da súa carreira en Aimen desde unha visión júnior na área de robótica e sénior en materiais, respectivamente. Blanco destacaba como consello a importancia de manterse actualizada e estar ao día das novidades que xurdan no ámbito de estudo sobre o que se desenvolven os proxectos.
Así mesmo, as relatoras destacaron a importancia de ter unha contorna que conecte a industria cos centros tecnolóxicos e a universidade, sendo conscientes de que ese ecosistema pode funcionar e que “non somos entes illados”.