CINTECX de volta á GNight con ciencia aplicada á seguridade viaria e o medioambiente

A ciencia toma as rúas para espertar vocacións e reforzar o seu vínculo coa cidadanía

DUVI
Un setembro máis, e xa van cinco, a G-Night volveu levar ás rúas e prazas de Galicia a ciencia e a creatividade para celebrar e encher de luz a Noite das Persoas Investigadoras. Esta iniciativa, que se desenvolve de xeito simultáneo en todo o planeta, busca sacar a investigación dos laboratorios e achegala á cidadanía, para que tanto nenos e nenas como persoas adultas poidan coñecer, dun xeito lúdico, entretido e sobre todo interactivo, o impacto real que a actividade científica e tecnolóxica ten na sociedade.

Onde máis se evidenciou o vínculo entre ciencia e cidadanía foi no Berbés, en Vigo, xa que a súa praza e o edificio Redeiras foron o epicentro da G-Night coa celebración da tradicional feira científica, nesta ocasión con unha trintena de obradoiros para todas as idades. O fío condutor da xornada foi a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, baixo o lema Conciencias creativas. A partir das cinco da tarde foron moitas as familias que se achegaron a esta zona da cidade para coñecer, dun xeito interactivo, lúdico e próximo, diferentes liñas de traballo que desenvolven os grupos de investigación da UVigo.

Propostas punteiras en tecnoloxía, sustentabilidade e seguridade

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) volveu participar activamente na G-Night, achegando a ciencia á cidadanía con propostas innovadoras e experimentais. Investigadoras e investigadores do centro ofreceron actividades interactivas que combinaron tecnoloxía de vangarda con retos sociais e medioambientais.

Da man das investigadoras Aida Díez Sarabia, Silvia Escudero Curiel e Antía Fernández Sanromán, do grupo BIOSUV, decenas de mozos e adultos participaron en experimentos prácticos para xerar hidróxeno cunha pila e puideron coñecer as técnicas máis recentes para a eliminación de contaminantes da auga. Unha experiencia que permitiu ás persoas asistentes comprender como a ciencia pode contribuír a un futuro máis limpo e sostible.

Por outra banda, para responder á pregunta Pode unha intelixencia artificial detectar e explicar perigos na estrada? Mario Soilán Rodríguez, Ana Sánchez Rodríguez e Antón Núñez Seoane, do grupo GEOTECH, presentaron a actividade “Intelixencia Artificial e simulación para a seguridade viaria”, onde explicaron como estas tecnoloxías poden reducir e previr accidentes de tráfico. A proposta incluíu simuladores interactivos que atraeron a decenas de persoas, que fixeron cola para probalos e avaliar o seu nivel de seguridade na condución diaria. A actividade espertou gran interese entre o público, que puido experimentar de primeira man como a IA pode converterse nunha aliada clave para salvar vidas.

Ademais de CINTECX, a programación da UVigo incluíu obradoiros sobre evolución molecular de virus, cambio climático, investigación aeroespacial, robótica, microplásticos, cosmética natural e novos materiais. Tamén se celebrou un obradoiro artístico que fusionou ciencia e tecido artesanal para facer medrar unha raíz colectiva no interior do edificio Redeiras.

En Galicia a programación implicou máis dunha ducia de institucións baixo a coordinación da Universidade de Vigo e comprendeu arredor de 200 propostas espalladas por rúas, museos, organismos de I+D e bares das sete principais cidades de Galicia durante a tarde e a noite deste venres. Ademais da UVigo, na G-Night en Galicia están implicadas as universidades de Santiago e A Coruña, varios institutos do CSIC (Iegps, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos como o Inibic, IDIS, CITMAga, Cesga e Ecobas. A G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través de Gain, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.