O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, amplía este ano a dous días as súas xornadas de portas abertas. Serán os vindeiros 16 e 17 de outubro con inscrición previa ata o venres día 10 e mantendo intacto o obxectivo da iniciativa: achegar á sociedade a ciencia e a innovación que se levan a cabo neste centro.
As xornadas contarán coa participación dunha vintena de investigadoras e investigadores que amosarán o seu traballo en áreas punteiras como as enerxías renovables, o aproveitamento de recursos naturais, a fabricación avanzada, as tecnoloxías de propulsión limpas e a intelixencia artificial.
Este ano, por primeira vez, as xornadas arrancarán o xoves pola tarde cunha visita pensada para o público en xeral: estudantes de todas as idades, público adulto e infantil, familias, asociacións… Xa o venres, a actividade centrarase no alumnado de secundaria e bacharelato, contando coa participación de arredor de douscentos alumnas e alumnos procedentes de centros educativos de Vigo, Redondela e Santiago de Compostela. A través dun itinerario en formato de ruta do tesouro, os participantes percorrerán as instalacións, descubrindo de forma interactiva distintas experiencias científicas.
Ducias de actividades para experimentar coa ciencia e a tecnoloxía
A divulgación do coñecemento é unha das liñas estratéxicas de Cintecx, que cada ano impulsa un programa de actividades para fomentar o interese pola ciencia, a tecnoloxía e a innovación, contribuíndo a mellorar a educación e a cultura científico-técnica da cidadanía. Neste caso, ademais de estar apoiadas con financiamento da Xunta de Galicia, as xornadas de portas abertas contan tamén con achegas dos Fondos Europeos FEDER.
Entre as actividades destacadas, as persoas que se acheguen a Cintecx nesta xornada de portas abertas poderán explorar o fenómeno da corrosión da man das investigadoras do grupo Encomat -Enxeñaría da Corrosión e Materiais-, que deseñaron unha experiencia baseada en reaccións electroquímicas para visualizar procesos anódicos e catódicos e clasificar metais segundo o seu potencial.
Outra proposta será a montaxe de maquinaria. Nela os integrantes do grupo DSN -Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica- explicarán o funcionamento dunha serra de calar manual a través dun modelo 3D. Os visitantes poderán ensamblar eles mesmos unha máquina real e comprobar o encaixe dos seus compoñentes.
O grupo GTE -Tecnoloxía Enerxética- coordinará a actividade titulada Dracarys, que introducirá aos participantes no concepto de combustión mediante un experimento de propagación de chama, o que servirá para explicar os distintos tipos de chama e a enerxía de activación. A termografía infravermella será outra das protagonistas, cunha actividade desenvolvida tamén polo grupo GTE para explicar o impacto desta tecnoloxía na eficiencia enerxética e mostrar exemplos prácticos coa cámara termográfica. Outra das actividades coas que sorprenderá este equipo será a cámara de alta velocidade, que ralentiza a realidade, permitindo observar detalles imperceptibles ao ollo humano.

