“Cintecx é un dos centros de investigación de maior facturación da UVigo, liderando o número de contratos con empresas, 91 solo en 2024 e preto de 270 asinados nos últimos tres anos, o que supón un valor próximo aos 4 millóns de euros”. Estas son as cifras máis destacadas que puxo este martes sobre a mesa a catedrática Ángeles Sanromán, directora do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, durante a visita dunha delegación da Xunta de Galicia encabezada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e na que tamén participación a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome, e a xefa do Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación, Mercedes Vázquez.
Enmarcada na rolda de encontros da Secretaría Xeral de Universidades aos centros de investigación e tecnolóxicos de Galicia, Díez de Castro foi recibido polo reitor, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a directora da Área de Investigación Ana Bernabeu, e a propia Ángeles Sanromán.
Líderes en transferencia de coñecemento ao sector empresarial
Todos puxeron en valor a traxectoria de Cintecx, recoñecido en 2024 como centro colaborativo da Rede Cigus, a súa aposta pola excelencia científica e a súa capacidade para transferir coñecemento ao sector empresarial galego e internacional. “Neste centro transmítese o ADN e o carácter da Universidade de Vigo, onde temos impreso que a transferencia do coñecemento e os logros obtidos no laboratorio teñen que chegar a sociedade”, explicou Reigosa.
Pola súa banda, o secretario xeral admitiu estar nun centro “que impresiona”, tanto polas súas temáticas, “inseridas todas nas necesidades prioritarias da sociedade actual”, como pola gran cantidade de equipos e persoal investigador de alto nivel e o enorme número de hardware e equipamentos que son necesarios para realizar o seu labor. “É un centro que está evolucionando na dirección correcta”, recalcou o secretario xeral, quen se amosou convencido que está próximo a ser nomeado centro excelente en vindeiras convocatorias.
37 patentes activas en sectores punteiros
A visita arrancou cunha pequena presentación na sala de xuntas do centro a cargo da directora, quen aproveitou este intre para amosar á delegación da Xunta o potencial de Cintecx nas súas áreas de traballo e liñas estratéxicas en sectores punteiros como o hidróxeno verde e a fabricación aditiva, así como a súa capacidade de transferencia, cuestión que se traduce, entre outras cousas, en 37 patentes activas “reflexo do compromiso deste centro coa xeración de coñecemento transferible ao tecido produtivo”.
Dende a súa posta en marcha en 2019, a evolución do centro foi, a xuízo de Sanromán, “significativa”, acadando, segundo explicou, grandes fitos, entre os que mencionou o feito de alcanzar o primeiro lugar en número de grupos con maior financiamento – preto de 2M€ de fondos en convocatorias estatais e internacionais-, e o segundo en volume de facturación I+D da UVigo, con preto de 1 millón de euros. “O respaldo da Xunta de Galicia, tanto co recoñecemento de Cintecx como centro de investigación colaborativo como coa valoración do labor desenvolvido polos grupos de referencia e de potencial crecemento que o integran, resultou clave para o seu desenvolvemento”.
A directora de Cintecx puxo tamén en valor o potencial de investigación excelente dun centro que pechou 2024 con máis de 154 publicacións indexadas en revistas de alto impacto, sendo un 42% realizadas con grupos internacionais de prestixio e o 39% situadas no primeiro decil do Journal Citation Report, contando con nove investigadores e investigadoras entre o 2% máis citado do mundo, segundo o Ranking da Universidade de Stanford 2024.
Múltiples exemplos de proxectos que apostan pola innovación
Durante o percorrido polos diferentes laboratorios, a delegación da Xunta tivo a oportunidade de falar co persoal investigador e coñecer as capacidades técnicas e os proxectos que se están levando a cabo neste centro. Partiron da laboratorio de Enxeñaría Química, onde a investigadora Ana Belén Moldes lles explicou proxectos como Surfacorn co que se busca levar ao mercado dous extractos biosurfactantes extraídos dos licores de lavado de millo para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica, para pasar despois á sala de Simulación Númerica, onde coñeceron os proxectos desenvolvidos con diferentes empresas do ámbito galego e nacional no eido das enerxías e o transportes. Visitaron tamén o laboratorio común e coñeceron os diferentes equipos dispoñibles e continuaron ata o laboratorio de Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais coa investigadora Teresa Rivas.
No Laboratorio de Sistemas Xeoespaciais foron recibidos por Pedro Arias, Belén Riveiro e Joaquín Sánchez, quen lles falaron dos distintos proxectos en marcha, entre eles SUM4Re, creación de bancos de materiais a partir de minería urbana dixital, un traballo liderado pola UVigo e no que participan socios de nove países europeos.
Pasaron tamén polo Laboratorio de Electrónica de Potencia, onde coñeceron máis de preto o proxecto Fisterra, Fábrica Intelixente e Sustentable mediante Electrónica de Potencia Avanzada e Realidade Aumentada, unha forte aposta pola innovación público-privada coa que se trata de achegar unha solución galega ao reto da descarbonización do transporte marítimo.
Visitaron os laboratorios de Fabricación Aditiva e de Macroprocesamento con láser, do grupo LaserON, onde o catedrático Juan Pou lles explicou o traballo do seu equipo no proxecto europeo Everglass, unha iniciativa coa que se revolucionará o proceso da reciclaxe do vídeo en Europa; ou o de Tecnoloxía Enerxética e de Fluídos, do grupo GTE, onte entre outros traballos, Concepción Paz lles explicou como están a participar no deseño dun buque remolcador cero emisións propulsado integramente por hidróxeno verde.