O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), da Universidade de Vigo, recibiu esta mañá a visita dunha vintena de mozos e mozas participantes no programa de verán Campus Camp. Esta iniciativa ten como obxectivo achegar a ciencia e a tecnoloxía ás novas xeracións, espertando vocacións científicas a través de experiencias prácticas e divulgativas, tamén durante o verán.
A xornada comezou cunha presentación de benvida a cargo do subdirector de CINTECX, Alejandro Gómez Yepes, quen deu a benvida ás persoas participantes, destacando a importancia da investigación e da transferencia de coñecemento á sociedade.
Ao longo da mañá, os rapaces e rapazas do Campus Camp puideron coñecer as instalacións do centro e descubrir de primeira man o labor que desenvolven os seus investigadores e investigadoras. A visita incluíu un percorrido guiado polos laboratorios e espazos de traballo, así como a participación en obradoiros deseñados para fomentar o interese pola investigación.
Ciencia tamén no verán
CINTECX aproveita tamén o período estival para continuar promovendo a divulgación da ciencia e as vocacións científicas a través de obradoiros dirixidos á mocidade que participa nas actividades do programa Campus Camp da UVigo. Un dos momentos máis destacados foi o obradoiro de Biotecnoloxía – Alxinato, guiado pola investigadora Aida Díez Sarabia, do grupo BIOSUV de CINTECX, e o investigador Antón Puga Pazo. Nesta actividade, os participantes experimentaron co tratamento de augas utilizando adsorbentes producidos a partir de residuos, ademais de introducirse en conceptos clave da biotecnoloxía como o uso de encimas e microorganismos.
A continuación, os mozos e mozas afondaron nos fundamentos dos procesos de combustión da man dos investigadores David García Rodiño e Marta González González, do grupo GTE de CINTECX. Neste obradoiro, realizaron experimentos moi visuais con lapas de diferentes cores, o que lles permitiu comprender de forma práctica e atractiva algúns dos principios básicos da química e da enerxía.
Tamén tiveron a oportunidade de visitar a exposición “Mulleres investigadoras CINTECX”, onde coñeceron os perfís, traxectorias e motivacións das investigadoras do centro. Esta mostra puxo en valor o papel da muller na ciencia, servindo como fonte de inspiración para as futuras xeracións.
A xornada concluíu cunha visita ao laboratorio de Fabricación Aditiva, guiada polo técnico Víctor Tierra. Alí, os participantes exploraron as distintas tecnoloxías de impresión 3D utilizadas no centro, como a impresora RAISE 3D (baseada en filamento), a impresora 3D NEXA (que traballa con resina) e a impresora de barro, entre outras. Ademais, puideron coñecer os materiais empregados e os traballos que se desenvolven neste ámbito innovador.
Durante toda a visita, os participantes amosaron un grande interese polos diferentes experimentos e formularon numerosas preguntas ao persoal investigador, demostrando unha actitude curiosa e entusiasta que foi moi valorada polo equipo de CINTECX.
Estas actividades leváronse a cabo grazas á colaboración do persoal investigador de CINTECX, cunha clara vocación por divulgar a ciencia e a tecnoloxía, e tamén grazas ao financiamento recibido no marco da Axuda para a estrutura, mellora e apoio aos Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS), cofinanciada con fondos europeos dentro do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.