Calendario CINTECX: Xullo con Mercedes Solla

“Con paixón e determinación pódese lograr”, Mercedes Solla.

Investigo sobre o uso do xeorradar para detectar e avaliar patoloxías en infraestruturas críticas do transporte, como estradas e pontes. Ademais, desenvolvo metodoloxías de automatización no procesamento e interpretación de datos, integrándoas con outras técnicas non destrutivas para facer as inspeccións máis fiables, rápidas e precisas. A investigación permíteme innovar e manterme en constante evolución.

Non tiven referentes femininos científicos na miña infancia. Os meus modelos a seguir foron as mulleres valentes e traballadoras da miña vida cotiá, como a miña nai e as miñas avoas. Elas ensináronme que o esforzo e a perseveranza son esenciais para alcanzar os meus soños.

O meu obxectivo é mellorar a seguridade e sustentabilidade das infraestruturas do transporte, prolongando a súa vida útil e reducindo custos de mantemento, contribuíndo ao benestar da sociedade ao garantir sistemas de transporte máis seguros.

Ás mozas diríalles que confíen en si mesmas e nas súas capacidades, e que loiten polos seus soños. Falaríalles de mulleres científicas exitosas para que se identifiquen con elas e vexan que é posible ter éxito na ciencia levando unha vida normal. É importante motivalas e combater os estereotipos falsos sobre as carreiras científicas.

Descarga o calendario CINTECX 2025 en: Igualdade en CINTECX – CINTECX