Belén Riveiro e o seu equipo de CINTECX, Premio da Crítica de Galicia 2025 pola súa investigación en intelixencia artificial aplicada a pontes

Este estudo, desenvolvido xunto a Daniel Lamas, Andrés Justo e Marío Soilán, supón unha achega pioneira no ámbito da dixitalización de infraestruturas civís.

Belén Riveiro recogiendo el premio. Foto de Faro de Vigo

O grupo de investigación liderado por Belén Riveiro, investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), foi galardoado co Premio da Crítica de Galicia 2025 na modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía polo seu traballo titulado “Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models”.

Este estudo, desenvolvido xunto a Daniel Lamas, Andrés Justo e Marío Soilán, supón unha achega pioneira no ámbito da dixitalización de infraestruturas civís. A través desta investigación, publicada na revista Automation in Construction, propón unha metodoloxía baseada en modelos de aprendizaxe profunda para xerar nubes de puntos sintéticas de pontes de celosía. Esta técnica permite automatizar procesos de inspección e mantemento, reducindo a dependencia de revisións visuais e manuais.

O xurado da XLVIII edición dos Premios da Crítica de Galicia, na modalidade de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, destacou a relevancia desta innovación para Galicia, dada a complexidade da súa orografía e a abundancia de pontes en zonas de difícil acceso. Ademais, subliñou o impacto positivo en termos de seguridade, eficiencia e sostibilidade.

Entre os finalistas desta edición tamén se atopaban traballos de gran calidade sobre estratexias contra o cancro e investigacións sobre a enfermidade de Parkinson, o que reforza o prestixio desta convocatoria, que celebra xa a súa XLVIII edición.

Intelixencia artificial para inspeccionar pontes de forma máis segura e eficiente

A inspección e mantemento de pontes require grandes cantidades de datos, que adoitan obterse mediante tecnoloxías custosas como os escáneres láser, dificultando o uso da intelixencia artificial para automatizar estes procesos. Para superar este reto, o equipo liderado por Belén Riveiro desenvolveu un método innovador que permite crear representacións dixitais en 3D de pontes metálicas (coñecidas como pontes de celosía), sen necesidade de escanear estruturas reais.

Estas representacións, coñecidas como “nubes de puntos”, xéranse indicando as dimensións e compoñentes do ponte, o que permite crear unha gran variedade de modelos virtuais que simulan como se verían se fosen escaneados con láser. Con estes datos, adéstrase un sistema de intelixencia artificial capaz de identificar automaticamente as distintas partes do ponte, o que se coñece como segmentación semántica (identificar que é cada parte: vigas, piares, unións, etc.) e segmentación por instancia (distinguir entre elementos similares pero individuais, como dúas vigas distintas).

Grazas a esta tecnoloxía, o sistema pode identificar automaticamente as distintas partes do ponte, o que facilita a súa análise sen necesidade de inspeccións manuais. Isto supón unha mellora importante en seguridade, rapidez e sostibilidade, especialmente en rexións como Galicia, onde o terreo dificulta o acceso a moitas infraestruturas, marcando un paso clave cara á dixitalización intelixente do mantemento de pontes.