Belén Riveiro recolle o Premio da Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa para investigadores e investigadoras novas

Polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes

A investigadora Belén Riveiro con Juan Lema

DUVI 23/01/2025
A investigadora de CINTECX Belén Riveiro recolleu no serán deste mércores en Santiago de Compostela o Premio da Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa pera investigadoras e investigadores novos, galardóns que nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros desta comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.

Investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx e profesora do Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción e investigadora, Riveiro (Cotobade, 1983) recibiu o premio na categoría de Ciencias Técnicas polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas.

“Recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia”

Neste senso, dende a organización dos premios destacaron como a investigadora viguesa lidera novidosas liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil, facendo especial fincapé en que as súas tecnoloxías permiten diagnosticar a saúde destas estruturas, axudando así a anticipar a aparición de posibles colapsos.

“É moi importante que se visibilice o talento e a excelencia dos investigadores durante a etapa na que, quizais, se realizan os maiores esforzos por chegar a consolidar unha carreira. Como muller que trata de compatibilizar a investigación coa maternidade, recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia” -manifestou a docente tras recoller o premio. Valora, ademais, como “unha honra” recibir o recoñecemento á súa traxectoria por parte dunha institución “tan prestixiosa como é a RAGC”.

Premios que son “proba evidente da forza da ciencia en feminino”

A entrega de premios contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema, e o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet xunto a outros membros de ambos os dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director da ACSUG, Eduardo López; así como representantes doutras entidades políticas, culturais e académicas galegas.

Na súa intervención, Juan Lema declarou que “con estes premios tratamos de visualizar e impulsar a carreira das investigadoras e investigadores con maior proxección e que liderarán a investigación nos vindeiros anos en Galicia”. Nesta liña, salientou que “os currículos das máis das 60 candidaturas presentadas son realmente brillantes e permiten ser moi optimistas en canto á evolución da investigación na nosa comunidade. Ademais, o resultado desta primeira convocatoria é unha proba evidente da forza da ciencia en feminino”.

Pola súa parte, Miguel Ángel Escotet declarou que estas distincións “constrúense coa intención de recoñecer e fomentar o traballo das persoas investigadoras máis novas, promovendo o coñecemento científico”.