Unha vintena de investigadoras e investigadores novos participan na nova edición do programa de mentoría do Centro de Investigación en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, unha iniciativa coa que o centro busca que o persoal investigador predoutoral e posdoutoral -cun máximo de dous anos de antigüidade- poida recibir asesoramento e resolver as dúbidas que acostuman xurdir ao comezo da carreira investigadora con perfís máis sénior que lles serven de guía.
Un programa que garante “acompañamento e orientación profesional”
As diferentes actividades arrancaron este mércores coa sesión ‘A importancia de publicar’, á que lles deu a benvida a directora do centro, Ángeles Sanromán, quen destacou que “un dos trazos distintivos de Cintecx é a elevada presenza de investigadores e investigadoras novas que forman parte activa dos seus grupos de traballo”. Neste sentido, indicou que actualmente o centro conta con 44 persoas en etapa predoutoral realizando a súa tese, case un 19% do persoal investigador do centro. “Esta base nova e en formación converte o centro nun espazo dinámico, de transferencia constante de coñecemento, onde é fundamental garantir non só a excelencia científica, senón tamén o acompañamento e a orientación profesional ao longo da carreira investigadora”.
Neste contexto, Sanromán explicou que fortalecer a formación do persoal investigador en etapas iniciais non é só unha necesidade formativa, senón tamén unha aposta estratéxica para asegurar o relevo xeracional, a sustentabilidade do talento e a consolidación de traxectorias científicas de impacto. “Conducidas por investigadores e investigadoras novas que están nunha etapa de estabilización ou que recentemente accederon a prazas permanentes na universidade, estas sesións garanten unha perspectiva próxima, actual e aliñada coas inquedanzas de quen hoxe inicia ou busca consolidar a súa traxectoria investigadora”, apuntou a directora do centro.
Durante esta primeira sesión, as persoas participantes tiveron a oportunidade de afondar en todas as cuestións a ter en conta á hora de publicar: onde facelo, pasos previos á escritura, deseño do artigo, proceso editorial e difusión, ata índices de calidade de publicación, pautas para a redacción e cuestións éticas.
O equipo de mentoría, formado por investigadores e investigadoras do centro, compartiu a súa experiencia a través de diferentes presentacións. A investigadora Raquel Pérez Orozco realizou unha charla sobre os pasos previos á escritura dun artigo. A continuación, Alejandro Gómez Yepes, investigador e subdirector de Cintecx, percorreu os elementos a ter en conta no proceso editorial e de difusión do artigo, seguido da intervención do investigador Iago Pozo, que se centrou na perspectiva internacional das publicacións e proxectos, alentando aos participantes e sinalando que “o camiño é longo e non hai que desmoralizarse”.
A xornada concluíu cunha mesa redonda moderada polo investigador Mario Soilán na que se abordaron todo tipo de cuestións relacionadas coa importancia de publicar.
‘Debuxando a carreira investigadora’
A seguinte sesión, ‘Debuxando a carreira investigadora’, está prevista para o vindeiro mércores, día 25 de xuño. Nesta sesión, o equipo de mentoría estará formado por Ignacio Pérez, Adrián Cabarcos e Aida Díez, encargados de guiar ás persoas participantes para descubrir todos os pasos a seguir durante a carreira investigadora desde o inicio da tese: conseguir financiamento predoutoral, desenvolver estadías, os prazos a seguir, a acreditación de profesorado e bolsas posdoutorais. Unha vez máis, as investigadoras e investigadores do equipo de mentoría compartirán a súa experiencia e traxectoria profesional, tratando de asesorar sobre as habilidades a adquirir en cada etapa e o financiamento que poden solicitar.
“Estas xornadas de mentoría reforzan o compromiso de Cintecx cunha formación que vai máis aló dos laboratorios, unha formación orientada a axudar á nosa mocidade nos retos da carreira investigadora”, destaca Sanromán.
Mentoras líderes para promover o talento feminino
O pasado 13 de marzo celebrouse en CINTECX a xornada ‘Mulleres que lideran’, organizada conxuntamente co Centro Tecnolóxico AIMEN, que supuxo unha sesión previa ao programa de mentoría, enfocada en proporcionar experiencias que axudasen a impulsar a continuidade da carreira investigadora das mulleres no ámbito tecnolóxico e industrial.
Nesta xornada, a directora de CINTECX presentou o programa de mentoría do centro e puxo de manifesto que, a través deste tipo de eventos, “onde contamos coa experiencia de mulleres cunha ampla traxectoria, podemos extraer aprendizaxes e coñecementos que axudarán a outras investigadoras que están en etapas iniciais a continuar o seu traballo e ter referentes aos que recorrer”.