A entrega dos Premios de Investigación Fundación Barrié-Real Academia Galega de Ciencias tivo este ano un sabor moi vigués. Foi este mércores pola tarde no compostelán Pazo de San Roque e ata alí acudiron os premiados e premiadas da Universidade de Vigo: desde o CINBIO, o equipo de Miguel Correa, Premio á mellor investigación en Ciencias Básicas, e desde o Vigo Quantum Communication Center e atlanTTic, o grupo coordinado por Víctor Zapatero, Premio á mellor investigación en Ciencias Técnicas. A eles sumouse Antía Fernández, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, accésit na categoría técnica.
O evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema, quen salientou o éxito desta convocatoria, con cen candidaturas presentadas, “todas elas cunha extraordinaria calidade”, ao que engadiu que estes traballos “constitúen o expoñente da mellor ciencia que se fai en Galicia, con publicacións nas mellores revistas especializadas e cunha gran proxección internacional”. Xunto a Lema, asistiu tamén a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero, e diversas autoridades, entre elas, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
Premio en Ciencias Básicas
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e biocombustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo. O galardoado destacou que “trasladar as nosas investigacións á sociedade é de vital importancia para visibilizar que a ciencia básica no só é fundamental para asegurar o futuro da sociedade, senón que tamén pode xerar beneficios a curto prazo”.
Un premio e un accésit na categoría de Ciencias Técnicas
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo da Universidade de Vigo coordinado por Víctor Zapatero que creou unha tecnoloxía segura para as futuras comunicacións por satélite. Na súa intervención puxo de relevo que “a carreira investigadora está chea de incertezas. Un científico fai moitos sacrificios sen a garantía de estabilidade que ofrecen outros traballos e, por moita vocación que se teña, é habitual tirar a toalla. Por todo iso, este recoñecemento é un incentivo moi valioso para min e o meu equipo”.
Nesta categoría outorgouse ademais un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, Cintecx, liderado por Antía Fernández, que desenvolveu un proceso innovador e sustentable para eliminar a presenza de contaminantes farmacéuticos da auga. No seu caso, sinalou que “este recoñecemento valida o noso compromiso co desenvolvemento de solucións sustentables para abordar desafíos ambientais clave e motívanos a seguir innovando para mellorar a calidade da auga”.