Catedrática de Enxeñaría Química, dirixe o grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv
DUVI 22/05/2024
A catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo Ángeles Sanromán (Cádiz, 1964) é desde esta semana a nova directora do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo en substitución de Concepción Paz Penín, á fronte do centro desde 2020.
Responsable do grupo de investigación Bioenxeñaría e procesos sostibles, Biosuv, grupo de referencia internacional, Sanroman xa se fixera cargo temporalmente da dirección do Cintecx en xuño de 2019 cando o Consello de Goberno aprobara a creación deste centro co obxectivo de coordinar e potenciar os grupos de investigación da UVigo que traballan nos ámbitos da enxeñaría en liñas relacionadas cos eidos da industria e a enerxía.
Entre outros moitos méritos, no currículo de Sanromán destaca a medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia Galega de Ciencias outorgada en outubro de 2022 en recoñecemento aos seus “extraordinarios méritos como investigadora no campo da Enxeñaría Química, a súa capacidade de formación de mozos investigadores e o impacto na contorna económico-social da transferencia dos seus resultados de investigación”, tal como subliñara naquel intre a academia. Tras ter participado en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, a última de 2020, Sanromán forma parte do reducido grupo de investigadoras e investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da Universidade de Stanford.
Xuntanza en Compostela da rede de centros Cigus
Tras tomar posesión do cargo este martes pola tarde nun acto ao que asistiu o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, Sanromán asistiu este mércores na Cidade da Cultura á xuntanza do conselleiro de Educación e Ciencia Román Rodríguez cos responsables da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, os denominados centros Cigus, aos que o Cintecx acaba de incorporarse como centro colaborativo, categoría creada este mesmo ano.