A Xunta distingue á directora de CINTECX, Concepción Paz Penín, co premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas

A Unidade Muller e Ciencia da Xunta decidiu outorgar o galardón deste ano á directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo (CINTECX).

XUNTA. 20/11/2023. A enxeñeira industrial na rama de mecánica de fluídos, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais desta mesma universidade (CINTECX), Concepción Paz Penín (Ferrol, 1969), será distinguida este ano co premio María Josefa Wonenburguer, unha decisión comunicada polo último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta, que tivo en conta a súa especialización nesta rama da ciencia e o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións.

Con distintas publicacións, proxectos e conferencias –ten dirixido sete teses de doutoramento e numeroasas publicacións en revistas académicas de alto nivel-, Paz Penín conseguiu desde 2005 máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de 8 millóns captados en proxectos como investigadora participante.

O xurado tamén tivo en conta para a súa elección a súa traxectoria como directora do CINTECX, que exerce desde o ano 2020, no cal traballan 175 investigadoras e investigadores integradas en 10 grupos de investigación. Nos tres anos de labor, traballou para posicionar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores claves para Galicia como o son as enerxías renovables, eficiencia enerxética ou intelixencia artificial, entre outros.

Concepción Paz Penín recibiu, ademais, o Premio de transferencia de tecnoloxía da Xunta de Galicia en 2017, e é unha das mulleres recollidas no libro Quero ser investigadora!, editado pola UVigo no 2020 e dirixido á promoción do interese pola carreira científica e investigadora en nenas e mozas.

O premio María Josefa Wonenburger foi creado pola Xunta para a distinguir ás mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Con este recoñecemento, a Xunta quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.

O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 a través da Unidade de Muller e Ciencia. Leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Nos últimos anos foron merecedoras deste recoñecemento mulleres como Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación de intelixencia artificial na Universidade da Coruña; Mabel Loza, farmacéutica referente no descubrimento de medicamentos, Victoria Lareu, catedrática de medicina legal e forense, ou o pasado ano a matemática María Elena Vázquez Cendón.