“A investigación é a base para o desenvolvemento de novas tecnoloxías que melloren a calidade de vida das persoas”, Mónica Fernández

Calendario CINTECX: Maio con Mónica Fernández

Este mes de maio coñecemos a Mónica Fernández, investigadora de CINTECX que participou na iniciativa Calendario CINTECX 2025, compartindo a súa experiencia como investigadora e motivando ás máis novas.

“Investigo sobre procesado de materiais mediante tecnoloxía láser, a escala macro, micro e nano.”

A investigación permíteme satisfacer a curiosidade e as ganas de aprender, facendo que cada día sexa enriquecedor e diferente.

Unha das características que penso que é esencial para desenvolver una carreira científica, é a tenacidade, xa que é importante manter o enfoque para afrontar as dificultades e buscar a forma de superar os obstáculos para alcanzar os obxectivos plantexados.

Os meus estudos sobre nanopartículas antimicrobianas e apósitos de nanofibras de vidro bioactivo, representan un avance clave en saúde pública. Por outra banda, o uso de residuos mariños para a produción de protectores solares mellorados e a reciclaxe de vidro mediante tecnoloxía láser, reflicten un compromiso coa sustentabilidade e a economía circular, reducindo desperdicios e xerando produtos de alto valor engadido.

Ás mozas animaríaas a tomar o camiño da investigación se teñen inquietude pola ciencia ea tecnoloxía, por aprender e crear solucións, xa que é un campo cheo de oportunidades para 
innovar e transformar o mundo.