
Unha das actividades fundamentais para CINTECX é a difusión de coñecemento. Anualmente dende o centro lévase a cabo un programa de actividades de divulgación científica, a fin de fomentar e incentivar o achegamento da ciencia, a tecnoloxía e a innovación á cidadanía, mellorando a educación e cultura científico-técnica.
Premios Beatrice Hicks
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), en colaboración coa Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) da Universidade de Vigo, convoca os Premios Beatrice Hicks CINTECX–EEI, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller na Enxeñaría (23 de xuño).
Estes premios nacen inspirados na enxeñeira química estadounidense Beatrice Hicks, primeira presidenta da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras. Nunha época na que estudar unha carreira no ámbito da enxeñaría se consideraba inapropiado para as mulleres, Hicks ocupou diversos postos de liderado, chegando a ser propietaria dunha empresa de enxeñaría e desenvolvendo un indicador de densidade de gas empregado no programa espacial dos EE. UU., incluídas as misións de alunizaxe do Programa Apolo.
O obxecto desta convocatoria é visibilizar o papel da investigación e da innovación no ámbito tecnolóxico-industrial, poñendo especial énfase na contribución de figuras que marcaron fitos e abriron camiño neste campo.

G – Night: Noite galega das persoas investigadoras

Xestionado pola Universidade de Vigo para achegar a ciencia á sociedade de forma amena. Cintecx participa neste evento con diversos obradoiros.
En 2022 incluíu unha visita de investigadores do centro a institutos para achegar a mecánica de fluídos e fomentar a aprendizaxe e interese sobre esta disciplina e as súas aplicacións.
Pint of Science Festival
Festival de divulgación científica que aposta por levar a ciencia e o coñecemento aos bares para achegalo á cidadanía.
En 2023, o investigador do centro José Lorenzo Alonso Gómez, ofreceu unha charla titulada «Moléculas quirais para H2 verde?» na que realizaba un paseo polo mundo da quiralidade, as moléculas quirais e como estas poden facilitar a obtención de H2 verde.

Ciencia de ida e volta

Xestionado pola Universidade de Vigo, o seu obxectivo é a promoción e difusión da cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os estudantes, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral. Cintecx participou tanto en diversas xornadas e conferencias como na feira científica “A ciencia que ven ten nome de muller”, que se celebra cada ano a pé de rúa.


































