Éxito de participación nas VI Xornadas de Portas Abertas de Cintecx: ciencia e innovación ao alcance de todos

Máis de 200 persoas tomaron parte no evento ‘Investigación que conecta’

DUVI  20/10/2025 
Máis de 200 persoas participaron nas VI Xornadas de Portas Abertas do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (Cintecx), unha iniciativa que busca achegar a ciencia e a innovación á cidadanía. Baixo o lema Investigación que conecta, o evento celebrouse os días 16 e 17 de outubro cunha programación ampliada que, por primeira vez, incluíu actividades específicas para o público xeral, ademais das xa habituais dirixidas a centros educativos.

Guiadas por unha vintena de investigadoras e investigadores, as persoas participantes puideron coñecer de preto os laboratorios e proxectos que se desenvolven no centro, a través de rutas temáticas e obradoiros interactivos que amosaron o papel clave da enxeñaría no avance da sociedade.

Cintecx: Innovación que conecta con pequenos e maiores

A primeira xornada, dedicada ao público xeral, reuniu máis de 60 persoas de todas as idades, que tras recibir un kit de benvida, foron organizados en grupos e acompañados por persoal investigador ao longo de catro rutas diferentes polas instalacións do centro. As persoas participantes experimentaron con procesos de remediación de augas contaminadas e xeración de hidróxeno no obradoiro Procesos medioambientais cheos de cor, onde a ciencia se mostrou na súa faceta máis visual. Na actividade de termografía infravermella, observaron imaxes térmicas en tempo real e aprenderon como distintos materiais responden á radiación. Pola súa banda, a cámara de alta velocidade permitiulles descubrir fenómenos que escapan ao ollo humano, mentres que en Corrosión: un problema, unha oportunidade exploráronse os efectos da corrosión en distintos materiais e o seu aproveitamento en aplicacións industriais.

Un dos espazos máis innovadores foi o dedicado á bioimpresión, onde se presentaron aplicacións de biomateriais no ámbito biomédico e medioambiental. Ademais, o obradoiro Dracarys ofreceu unha experiencia impactante con demostracións de combustión que captaron a atención de grandes e pequenos. Ao rematar as rutas, as persoas asistentes puideron seguir experimentando con máis obradoiros e actividades: desde debuxar os seus propios deseños con bolígrafos de impresión 3D, subir ao coche UM25 da escudaría UVigo MotorSport, ata mergullarse en Máis alá do real con lentes de realidade virtual.

Desde montar un motor ata descubrir os misterios que agochan os minerais

O venres foi a quenda dos centros educativos, na que preto de 170 estudantes de secundaria e bacharelato, procedentes de Vigo, Redondela e Santiago de Compostela, participaron nunha procura do tesouro científica polas instalacións de Cintecx. Divididos en grupos de entre 10 e 15 persoas, percorreron tres rutas interactivas de aproximadamente dúas horas de duración, nas que tiveron que superar probas e desafíos relacionados con distintas áreas da enxeñaría.

Ademais de participar en obradoiros como os de termografía, cámara de alta velocidade, procesos medioambientais e combustión, o alumnado enfrontouse a novos retos. En Ollos de rocha identificaron diferentes tipos de rochas ornamentais e minerais, aprendendo sobre os seus métodos de explotación e aplicacións cotiás, mentres que no espazo de enxeñaría inversa e escaneo 3D, descubriron como redeseñar obxectos existentes utilizando tecnoloxía de dixitalización tridimensional. Tamén experimentaron con lentes de realidade mixta nun contorno virtual interactivo, e puxeron a proba a súa destreza técnica no montaxe dun motor real, seguindo instrucións precisas.

A xornada rematou cunha proba de coñecementos e a entrega de premios aos equipos gañadores, recoñecendo a súa implicación, creatividade e entusiasmo ao longo do percorrido.

Seis anos de aventura científica

Desde 2019, Cintecx organiza xornadas de portas abertas como parte do seu compromiso coa divulgación científica e a transferencia de coñecemento. Con preto de 200 investigadores e investigadoras traballando en áreas como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a valorización de residuos, a fabricación avanzada ou a intelixencia artificial, o centro consolídase como un referente na conexión entre ciencia e sociedade.

As actividades desta edición contaron co apoio da Xunta de Galicia e dos Fondos Europeos FEDER, e enmárcanse nunha estratexia máis ampla para fomentar a cultura científico-técnica e espertar vocacións no ámbito da enxeñaría.