Cintecx celebra o Día Internacional da Muller na Enxeñaría reclamando solucions á fenda de xénero neste sector

Salientouse a necesidade de actuar desde etapas temperás e de pór o foco nos homes

Coincidindo co 23 de xuño, Día Internacional da Muller na Enxeñaría, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo celebrou este luns a xornada ‘Por que faltan mulleres na enxeñaría?’, un encontro que reuniu a expertas e expertos do ámbito académico, industrial e da igualdade para analizar as causas e posibles solucións á escasa presenza feminina neste eido profesional.

Entre as principais conclusións salientouse a necesidade de actuar desde etapas temperás para traballar nas diferenzas de percepción das capacidades entre nenos e nenas —especialmente en disciplinas como as matemáticas e as ciencias—; de pór o foco nos homes, para que se impliquen activamente no cambio asumindo a súa responsabilidade na transformación cultural; e en traballar unha comunicación efectiva, empregando canles como as redes sociais para lanzar mensaxes claras, directas e con referentes próximos que acheguen a enxeñaría ás mozas.

Así mesmo, un dos temas que xerou maior preocupación foi a necesidade de combater a resistencia ao cambio, identificando as reticencias actuais ás políticas de igualdade e traballando para que non se revertan os avances acadados.

Elas considéranse menos brillantes ca eles desde os seis anos

A apertura da xornada correu a cargo da directora de centro, a catedrática Ángeles Sanromán, quen salientou a importancia de abrir espazos de diálogo que impulsen o cambio cara a unha enxeñaría máis inclusiva.

Tras ela, a primeira en intervir foi Marta Macho Stadler, profesora na Universidade do País Vasco e recoñecida divulgadora científica, quen participou de forma telemática coa charla ‘Mulleres na Enxeñaría, misión imposible?’ , na que abordou os estereotipos de xénero que aínda persisten no ámbito científico-técnico e como estes inflúen na elección de estudos e carreiras profesionais. Segundo foi explicando, no caso da matrícula en carreiras de enxeñaría industrial, apenas houbo avances significativos, permanecendo estancada a presenza de mulleres. Así mesmo, advertiu de que as nenas comezan a considerarse menos brillantes ca os nenos desde os seis anos, o que condiciona as súas decisións académicas, segundo un estudo publicado recentemente en Nature.

Redes sociais como ‘alidadas’ para achegar a enxeñaría ás mozas
A continuación, Marta Fernández Docampo, xestora de proxectos  en Gestamp Vigo e representante do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), participou na charla coa ponencia ‘Destino ambicioso, pasos firmes: a folla de ruta cara ao cambio’, na que compartiu a súa experiencia persoal nun sector altamente masculinizado. Ao longo da súa traxectoria, relatou, tivo que demostrar constantemente a súa valía técnica, algo que aos seus compañeiros homes se lles presupón. Fernández insistiu na importancia de empregar canles como as redes sociais para achegar a enxeñaría ás mozas, con mensaxes directas e referentes próximos.

Importancia de intervir desde idades temperás

A mesa redonda posterior, moderada por Mariola Norte Navarro, técnica de comunicación e enlace de igualdade do Cintecx, reuniu voces diversas. Eduardo Suárez Porto, investigador en Cintecx, destacou datos de diversos estudos que reflicten como as mulleres adoitan necesitar máis información e validación externa para decidirse por carreiras técnicas, e que perciben a enxeñaría como especialmente difícil. Tamén alertou sobre unha crecente resistencia ás políticas de igualdade.

Pola súa banda, Yolanda Rodríguez Castro, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, insistiu en que as diferenzas de xénero impóñense desde o nacemento, polo que é fundamental intervir desde idades temperás. Nesta liña, Marta Macho propuxo un cambio de enfoque. “É importante deixar de dicirlles ás rapazas o que teñen que facer e centrarse nos rapaces, porque o cambio tamén está neles”. Así mesmo, Marta Fernández salientou a importancia de non permitir retrocesos nos avances acadados e de facilitar que se escoite a voz das mulleres. Ángeles Sanromán pechou a mesa poñendo de manifesto a necesidade de transformar a sociedade desde a base, comezando por un reparto equitativo das tarefas no ámbito familiar.