Liñas de investigación

  • Enerxías renovables
  • Eficiencia enerxética na edificación e na industria
  • Almacenamento de enerxía
  • Novos Combustibles
  • Baterías
  • Redes

 
A transición a un sistema enerxético fiable e a redución da dependencia dos combustibles fósiles nun contexto de crecente escaseza de recursos, aumento das necesidades de enerxía e cambio climático, é unha prioridade temática do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea.

No marco de investigación en enerxía segura, limpa e eficiente, traballamos en liñas como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética en edificación e industria, baterías, xeración e sistemas almacenamento de enerxía, hidróxeno e combustibles renovables e en novos coñecementos e tecnoloxías máis eficientes e de custo competitivo.

Ademais do desenvolvemento de modelos computacionais con código propio, dispoñemos das ferramentas comerciais de cálculo computacional CFD e estruturais máis punteiras para dar resposta ás necesidades de cálculo de diferentes sectores (automoción, aeroespacial, naval, alimentario, etc). Neste sentido, á experiencia adquirida a través da execución de múltiples proxectos ao longo dos anos, tanto en colaboración directa con empresas ou a través de convocatorias competitivas, súmase un clúster industrial de potencia computacional de 95 TFLOPs cun total de 1560 núcleos.

En CINTECX temos unha ampla experiencia en proxectos no sector das enerxías renovables, con proxectos e traballos en combustión e gasificación de biomasa, coa enerxía solar, enerxía eólica ou a enerxía de orixe mariña.

Traballamos no desenvolvemento de materiais para baterías de ión Litio, nun novo concepto que implica a corrosión e as propiedades que teñen os óxidos, as capas de conversión, en xeral, para almacenamento de enerxía.

No ámbito da eficiencia enerxética en edificación temos experiencia na creación de modelos dinámicos do comportamento enerxético dos edificios e en predición da calidade do aire interior dos mesmos. Isto permítenos, por exemplo, o desenvolvemento dun modelo dun xemelgo dixital dun edificio. Estamos a empregar modelización para a optimización de mixes enerxéticos, en especial de enerxías renovables como a fotovoltaica e a recarga do vehículo eléctrico.

Colaboramos coa Axencia Internacional da Enerxía aplicando todo este coñecemento ao desenvolvemento de novos indicadores de eficiencia que constituirán o futuro das certificacións e etiquetas enerxéticas dos edificios.

 

Obxectivos de desenvolvemento sostible