As actividades de celebración do 8M, o Día Internacional da Muller, continuaron este venres na Universidade de Vigo e fixérono, nesta caso, coa celebración de dúas mesas redondas organizadas desde os centros de investigación Cintecx e Ecobas, charlas sobre igualdade, cada unha desde un ámbito: o da enxeñaría, por unha banda, e o das ciencias sociais, pola outra. En ambas se falou de mulleres, de mulleres e de ciencia, de mulleres e empresa, de mulleres e universidade… e para isto contouse coa participación de profesionais de moi distintos ámbitos, tanto do sector público como do privado.
75% de catedráticos fronte a un 25% de catedráticas no Cintecx
75% de catedráticos fronte a un 25% de catedráticas; 59% de profesores titulares fronte a un 41% de profesoras da mesma categoría; 72% da produción científica asinada por homes fronte a un 28% asinada por mulleres; 15 proxectos de investigación nacionais dirixidos por homes e 5 por mulleres; 13 teses de doutoramento defendidas, seis delas con autoría feminina… Estas son algunhas das cifras que pon sobre a mesa a análise de igualdade do ano 2022 do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais, e sobre as que se falou na mesa redonda Igualdade e análise con perspectiva de xénero no ámbito da enxeñaría, moderada pola directora do centro, Concepción Paz Penín, profesora da Área de Mecánica de Fluídos e membro do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética.