O investigador de CINTECX, Pío Gonzalez, presenta a rede de excelencia Iberos+ para innovar no sector da biofabricación con aplicacións en saúde

150 investigadores de 14 entidades da eurorrexión integran esta rede de excelencia orientada á enxeñería de órganos e tecidos, liderada pola UVigo

DUVI 29/11/2023. Cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros e co obxectivo de dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na eurorrexión Galicia-norte de Portugal e na Unión Europea en xeral, este mércores presentouse en sociedade o Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos+). Este proxecto é un dos tres liderados pola Universidade de Vigo que foron seleccionados na convocatoria do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu hoxe a xuntanza de lanzamento deste proxecto do que forman parte máis de 150 investigadoras e investigadores dos eidos da biofabricación, a enxeñería de tecidos e a medicina personalizada. En total, o consorcio está integrado por 14 entidades público-privadas da eurorrexión (cinco universidades, cinco centros de investigación e catro empresas) unidas co obxectivo de innovar no sector da biofabricación con aplicacións en saúde.

A coordinación do proxecto correspóndelle á UVigo e o investigador principal é Pío González, catedrático do Departamento de Física Aplicada, que explica que este novo proxecto representa a evolución natural de Iberos (Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable), que sentou as bases desta colaboración científica entre 2017 e 2020. O novo proxecto nace co obxectivo de que os seus socios traballen en rede para consolidar as competencias de I+D+i de excelencia no sector da biofabricación, orientada á enxeñería de órganos e tecidos e á medicina personalizada. O seu fin último é “mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación, con especial atención ás enfermidades asociadas ao envellecemento”.

Sinerxías entres o eido investigador e o tecido empresarial
O consorcio de Iberos+ está formado pola Universidade de Vigo, a través do grupo de Novos Materiais do Cintecx e do grupo de Inmunoloxía e Inmunoterapia do Cinbio, xunto coas universidades de Santiago de Compostela e Católica Portuguesa e Minho, coa Fundación Biomédica Galicia Sur, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, o Servizo Galego de Saúde, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade do Porto, o Instituto Superior de Enxeñaría do Porto e o Laboratório Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía. Unha das principais novidades de Iberos+ respecto do proxecto previo é a incorporación de empresas ao consorcio. Así, dende Galicia únense a BFlow –que desenvolve dispositivos microfluídicos capaces de imitar o comportamento dun órgano no laboratorio–, Arbinova –que, baixo a marca Beta Implants, deseña e fabrica implantes para cirurxía veterinaria– e iBoneLab –especializado en ensaios preclínicos de biomateriais nos tecidos vivos. A empresa portuguesa que se suma ao consorcio é Intelligent Lab on Fiber, que ofrece unha plataforma intelixente para o desenvolvemento de fármacos personalizados.