A Universidade de Vigo volve dar un paso adiante no seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada: entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil.
“O catálogo Quero ser investigadora renóvase para ofrecer un formato máis acorde coa evolución das cativas e cativos aos que se dirixe”, destacan Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, na entrevista que abre a publicación. “Esta nova entrega preséntase como un volume único que recolle conversas en estilo directo con investigadoras da Universidade de Vigo, co obxectivo de facilitar unha conexión máis próxima e auténtica cos lectores e lectoras”. Como parte desa vontade de achegarse ao público, a edición opta pola fotografía como fío visual do relato, a través da mirada da fotógrafa Charo Lopes (Boiro, 1988).
Desde a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito…
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito ou a nanotecnoloxía. “Os camiños que seguen estas mulleres son múltiples e amosan que non hai unha única maneira de chegar á investigación, senón que cada traxectoria está atravesada por decisións persoais, curiosidades, obstáculos superados e paixón polo coñecemento”, subliñan dende a UCC+i.
O catálogo arranca cun prólogo en formato entrevista con Belén Rubio e Mónica Valderrama, unha conversa que serve de pórtico para as dez historias que seguen. A primeira delas ten como protagonista a Ana Ulla Miguel, catedrática en Astrofísica e investigadora do CIM, quen lembra que aos catorce anos xa tiña claro que quería dedicarse á astronomía: “Merquei o meu primeiro libro de astronomía e comecei a aprender pola miña conta, sen telescopio, a ollo e cunha lanterna vermella para non alterar a capacidade de observación nocturna”. Para Ulla, entender que a Terra é só “un pequeno planeta flotando nun vasto universo” axuda a poñer en perspectiva moitas das nosas preocupacións cotiás.
Tamén a profesora das facultades de Belas Artes e Deseño Silvia García González destaca a importancia da conexión emocional co saber. No seu caso, a historia familiar serve de marco para dar sentido ás súas propias motivacións: “o meu avó materno era carpinteiro de ribeira en Massó e gustaríame aprender carpintaría porque me conecta coa súa memoria”.
A enxeñeira Mercedes Solla Carracelas, investigadora do grupo Geotech e do Cintecx, recoñece que o seu traballo baséase na fascinación por “ver máis aló do que é visible”, interpretando sinais ocultas na terra a través do xeorradar. Pola súa banda, Susana Rodríguez Barcia, profesora de Lingua Española e investigadora no grupo Grades e membro do iLingua, reivindica a linguaxe como ferramenta de transformación: “É o que nos define, o que nos permite entendernos e transformarnos”.
A economista de Ecobas Olga Alonso Villar confesa que a súa vocación naceu do interese pola xustiza social e que, aínda que de nena dubidaba entre ser mestra ou detective, foi un profesor quen lle abriu o camiño cara ás matemáticas e, desde aí, á economía. A profesora Susana Álvarez González, decana da Facultade de Dereito, lembra que desde pequena se sentiu atraída polo funcionamento das normas e a defensa dos dereitos das persoas.
A comunicación tamén ten o seu espazo neste catálogo a través, neste caso, da voz de Emma Torres Romay, decana da Facultade de Comunicación, quen lembra como nos seus cadernos escolares xa deseñaba logotipos e marcas para unha futura empresa de moda: “inconscientemente sempre me chamou moito a atención a publicidade”. No caso da moañesa Estefanía Paredes Rosendo, especialista en Criobioloxía Mariña e investigadora do CIM, fai fincapé en que “con interese e paixón, calquera pode chegar a dedicarse á ciencia, sempre que teña ánimo e perseveranza”.
A microbioloxía chega da man de Julia Carballo Rodríguez, profesora na Facultade de Ciencias e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, que destaca a aprendizaxe derivada da pandemia: “A saúde humana non pode desligarse do medio ambiente nin dos animais. Todo está conectado”.
Finalmente, a edición pecha con Laura Salonen, investigadora Ramón y Cajal do CINBIO especializada en nanomateriais, que ve nesta ciencia unha ferramenta clave para afrontar os retos ambientais. Para concentrarse, ten un ritual moi persoal: escoitar a banda sonora de O Señor dos Aneis.
Audiolibro e lectura fácil: unha aposta pola inclusión
Unha das novidades máis destacadas desta edición é a incorporación dun audiolibro, no que son as propias protagonistas as que dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Neste mesmo espírito, incorpórase unha versión de lectura fácil que adapta os contidos con linguaxe clara e frases sinxelas, eliminando barreiras cognitivas e facilitando a comprensión para persoas con dificultades lectoras, trastornos do neurodesenvolvemento ou que simplemente prefiren unha lectura máis directa.
Como en edicións anteriores, o catálogo conta cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A proposta complétase cunha guía didáctica e contidos interactivos elaborados na plataforma Genially, co obxectivo de facilitar o traballo co catálogo nas aulas.
Audiolibro Quero ser investigadora 5 | Mercedes Solla Carracelas