A iniciativa Cámara Aberta CINTECX a Mulleres e Homes STEM continúa dando voz e visibilidade ás persoas que sosteñen a actividade investigadora desde dentro. O protagonista do mes de maio do calendario ilustrado CINTECX é Fidel Álvarez Vargas, técnico de laboratorio e responsable de calidade do centro, que comparte a súa traxectoria profesional e a súa vivencia persoal nunha etapa marcada pola paternidade e a conciliación.
Fidel formouse como enxeñeiro técnico en Vigo, aínda que pronto descubriu que a súa vocación estaba máis próxima ao traballo de laboratorio. Tras completar un ciclo superior especializado, non dubidou en presentarse cando xurdiron vacantes no CINTECX. “Sempre tiven a inquedanza de aplicar o aprendido a un contorno investigador, traballar con mostras, análises e probas”, lembra. Desde entón, forma parte da engrenaxe que garante o bo funcionamento diario do centro.
A súa experiencia previa en empresas industriais, con quendas rotatorias e ritmos esixentes, sérvelle hoxe de contraste. Fronte a aqueles horarios cambiantes, valora especialmente a estabilidade da súa xornada actual. “Ter unha quenda continua marca a diferenza cando tes unha familia”, explica. Un factor que se volveu clave coa chegada do seu fillo, Elliot, que tamén estivo presente durante a gravación de Cámara Aberta.
A paternidade supuxo un punto de inflexión. Elliot foi un neno moi agardado e, desde que chegou, reorganizou prioridades e tempos. “É unha etapa intensa, ás veces dura, pero énchenos de vida cada día”, conta Fidel, consciente de que criar implica renuncias, pero tamén unha enorme recompensa cotiá.
Conciliar desde a corresponsabilidade
No seu caso, a conciliación constrúese desde o reparto equilibrado das responsabilidades. As entradas e saídas da escola infantil, as tardes compartidas, os paseos e os xogos forman parte dunha rutina negociada e flexible. Aínda que o seu traballo non permite o teletraballo, Fidel destaca a importancia de poder implicarse activamente nos coidados diarios e nas decisións que afectan á saúde e ao benestar do seu fillo. “Se se pode repartir, repártese”, resume.
A experiencia de vivir no estranxeiro tamén lle achega unha perspectiva comparada. Cunha parella británica, Fidel coñeceu de preto o sistema de permisos no Reino Unido, onde a duración da baixa por maternidade permitiu que Elliot pasase o seu primeiro ano de vida na casa. “A partir dos catro meses faise moi costa arriba separarse tantas horas dun bebé”, explica, especialmente cando non se dispón dunha rede familiar próxima.
Desde a súa vivencia persoal e profesional, Fidel identifica ámbitos de mellora que facilitarían a conciliación en contornas científicas e universitarias: desde servizos de apoio nos períodos sen escola infantil ata espazos ou actividades adaptadas nos propios campus durante determinadas épocas do ano. Medidas que, sinala, aliviarían unha etapa particularmente esixente para moitas familias.
Fidel deixa unha reflexión clara e honesta: ademais do traballo e da familia, tamén é necesario reservar tempo para un mesmo. “Ter un hobby, formarse, facer algo que te motive… É doado esquecelo, pero tamén é importante para estar ben”, apunta.
