Eduardo Suárez Porto: «A flexibilidade é un dos eixes esenciais para fomentar a igualdade»

O protagonista do mes de maio do calendario ilustrado CINTECX tamén participou na iniciativa Cámara Aberta a Mulleres e Homes STEM.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) dedica o mes de xuño a Eduardo Suárez Porto, investigador do grupo de Tecnoloxías Enerxéticas (GTE), protagonista do seu calendario ilustrado e nova voz da iniciativa Cámara Aberta CINTECX a Mulleres e Homes STEM.

Suárez Porto desenvolve o seu labor no ámbito da simulación de fluídos, unha liña de investigación que aplicou a sectores tan diversos como a automoción, a biomedicina ou a aerodinámica de trens de alta velocidade. “Comecei na parte industrial e fun evolucionando cara a novos campos, pero sempre dentro da simulación”, explica.

A súa entrada na investigación non respondeu a unha vocación temperá. “Non era algo que buscara. Rematei a carreira, xurdiu unha bolsa e, sen decatarte, méteste na carreira investigadora”, sinala.

En contraste, si tiña claro que quería formar unha familia. Esa decisión, admite, transformou por completo a súa forma de traballar. “Antes de ter fillos o meu horario era de oito da mañá a nove da noite. Despois cambia todo: tes que reorganizarte e xestionar moi ben o tempo”, afirma.

Conciliación e flexibilidade: unha carreira contrarreloxo

Lonxe de formular a conciliación como unha renuncia, Suárez Porto propón cambiar o enfoque: “Non se trata de se a túa vida persoal prexudica a túa carreira profesional, senón ao revés”. No seu caso, defende que priorizar a familia é unha decisión consciente. “Se os meus obxectivos profesionais se atrasan un ou dous anos por ter fillos, benvido sexa”, afirma.

A organización diaria é clave. “A miña vida persoal e laboral están totalmente mesturadas”, explica. “Necesito planificar practicamente hora a hora; se non, descádrase todo”. Na súa axenda conviven tarefas docentes, proxectos de investigación e compromisos familiares, organizados mesmo por cores para distinguir o imprescindible do flexible.

Pai de dous fillos, destaca que a flexibilidade horaria foi determinante para poder compaxinar ambas as dúas esferas. “Podo adaptar a miña xornada: se un día teño que saír antes, recupero ese tempo pola noite ou na fin de semana”, detalla. Unha vantaxe que, porén, non sempre está dispoñible noutros ámbitos laborais. “No meu caso foi fundamental poder facer ese encaixe”.

O investigador tamén recoñece que a conciliación non afecta por igual a homes e mulleres. “Na miña contorna é evidente que elas renuncian máis á súa carreira profesional”, sinala. Aínda que no seu caso concreto o impacto na súa produción científica foi limitado —“só hai un ano sen publicacións, que coincide co nacemento da miña filla”—, admite que moitas investigadoras afrontan un “sobreesforzo enorme” para non quedar atrás.

Neste contexto, valora positivamente as medidas impulsadas nos últimos anos pola Universidade de Vigo, aínda que considera que deben consolidarse e ampliarse. Entre as súas propostas, apunta á necesidade de máis flexibilidade, servizos como garderías no campus ou a redución de actividades en horario de tarde. “Evitar reunións pola tarde ou concentrar a xornada nun horario máis europeo axudaría moito”, sostén.

Como mensaxe final, Suárez Porto insiste na importancia de seguir avanzando na conciliación dentro do sistema científico. “Calquera medida nesta liña é benvida”, conclúe. “A flexibilidade é clave e, ademais, beneficia tanto a homes como a mulleres e contribúe a unha maior igualdade na carreira investigadora”.