O mes de abril volveu encher de vida os laboratorios do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo. Ao longo de varias xornadas de Portas Abertas, o centro acolleu a centos de estudantes de bacharelato que se achegaron ás súas instalacións para descubrir como é o traballo diario do persoal investigador.
Alumnado de cinco centros educativos de Vigo, Tui e Rianxo participou nestas visitas, que lles permitiron percorrer os espazos onde se desenvolve a actividade científica do centro e coñecer de primeira man algunhas das súas liñas de investigación. Para moitas e moitos destes mozos e mozas, foi o seu primeiro contacto directo cun entorno de investigación universitario.
Durante as visitas, o persoal investigador do CINTECX explicou o seu traballo de maneira próxima e adaptada, resolvendo dúbidas e compartindo experiencias sobre a súa traxectoria profesional. Ademais, os grupos puideron participar en pequenas actividades e demostracións prácticas que axudaron a comprender mellor como a investigación científica se traduce en avances tecnolóxicos aplicables á vida cotiá.
Preto dunha vintena de actividades abertas á comunidade educativa
Estas Portas Abertas formaron parte dun mes especialmente activo no ámbito da divulgación científica do CINTECX. Ao longo de abril, o centro levou a cabo preto dunha vintena de accións divulgativas, que incluíron visitas a centros de educación secundaria de toda Galicia, participación en feiras científicas e a acollida de grupos escolares nas súas propias instalacións, chegando a máis de seiscentas persoas.
Unha oportunidade para que o alumnado coñeza de primeira man como se investiga e para espertar a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía nun ambiente próximo e participativo.
















