CINTECX capta más de 800.000 euros para o desenvolvemento de seis novos proxectos de Proba Concepto

Os grupos de investigación validan a viabilidade técnica e comercial dos seus resultados

Laboratorio de macroprocesamento láser do Cintecx

DUVI 05/06/2026
Preto dun millón de euros captados e seis proxectos concedidos. Estes son os resultados obtidos pola Universidade de Vigo na convocatoria de Proba de Concepto 2025 da Agencia Estatal de Investigación (AEI), unha iniciativa que busca facilitar a transferencia de tecnoloxía e a valorización dos resultados da investigación. A institución viguesa sitúase como a sexta en porcentaxe de éxito nesta edición e poderá testar a viabilidade técnica e comercial de avances de seis liñas de traballo, principalmente do Cintecx, que van dende a fabricación aditiva de vidros ata a encapsulación de oxidantes, novos antibióticos ou seguridade viaria, pasando por sistemas de detección e xeolocalización ou xestión intelixente de recursos de rede.

Esta convocatoria, enmarcada no Programa Estatal de Transferencia e Colaboración do Plan Estatal de Investigación 2024-2027, busca financiar actuacións que permitan validar a viabilidade técnica e comercial de descubrimentos previos, servindo de ponte entre a investigación científica desenvolvida nos centros e a súa posible aplicación práctica no mercado ou na sociedade. A través destas axudas, os grupos de investigación poden demostrar o potencial de innovación das súas ideas para facilitar a súa explotación posterior por parte do sector empresarial ou social. En total, a UVigo presentou a esta convocatoria altamente competitiva 23 proxectos, dos que lle foron aprobados seis (cinco deles impulsados por persoal investigador do Cintecx e un dende atlanTTic), o que se traduce en 923.351 euros de financiamento.

En total, a AEI concedeu 183 proxectos, por un importe de 29,8 millóns de euros. Deles, o 67 % corresponde a solicitudes presentadas por investigadoras e investigadores adscritos a universidades, 122 delas públicas e unha privada, situadas en 16 comunidades autónomas. En canto á distribución das axudas por comunidades autónomas, Madrid conta con 42 proxectos de Proba de Concepto aprobados, seguida de Cataluña, con 38; Andalucía, con 22 e Galicia, con 19.

bOROMorph

bOROMorph é un dos proxectos da UVigo seleccionados nesta edición. Liderado polo investigador do Cintecx Rafael Comesaña e cunha axuda concedida de 145.200€, ten como obxectivo validar técnica, financeira e comercialmente unha nova tecnoloxía de fabricación aditiva de vidros e cerámicas baseada na deposición de enerxía dirixida por láser, desenvolvida previamente no proxecto glADDmorph, que permitiu crear un prototipo capaz de procesar estes materiais de forma versátil e sen precedentes, superando as limitacións das técnicas actuais. Con esta proba de concepto, o equipo busca aumentar significativamente o nivel de madurez tecnolóxica e comercial da solución, asegurar a protección da propiedade intelectual e validar o prototipo nunha contorna relevante empregando materiais sostibles procedentes de residuos de vidro farmacéutico e vitrocerámica técnica.

Hybox

Outra das propostas seleccionadas pola Agencia Estatal de Investigación é Hybox, que busca desenvolver e validar un sistema híbrido de encapsulación de oxidantes para o tratamento sostible de contornas contaminadas con compostos orgánicos persistentes, difíciles de degradar naturalmente e perigosos para a saúde pública e o medio ambiente. Lideran este proxecto Marta Pazos e Ángeles Sanromán, investigadoras do Cintecx, que contarán cunha axuda de 183.920€. A proposta baséase en cápsulas biodegradables de agar-agar recubertas con poliacrilonitrilo, capaces de liberar de forma controlada oxidantes como persulfato, peroximonosulfato e peróxido de calcio, mellorando a eficiencia da oxidación avanzada e reducindo o consumo de reactivos e a xeración de subprodutos tóxicos. Deste xeito Hybox dálle continuidade ao proxecto Resihosp, optimizando a formulación, validando a súa eficacia en condicións reais e promovendo a súa transferencia tecnolóxica e comercialización.

Proofgramicin

Tamén impulsado por investigadores do Cintecx, foi seleccionado o proxecto Proofgramicin, baseado na tecnoloxía desenvolvida no marco do proxecto Gramicorn, centrado na produción e extracción a escala piloto de novos antibióticos a partir dunha cepa de Aneurinibacillus aneurinilyticus illada do ‘corn steep liquor’ (CSL). Ana Belén Moldes e José Manuel Cruz coordinan esta iniciativa, que contará cunha axuda de 174.240€. Os traballos previos permitiron descubrir varios homólogos novidosos de Gramicidina S, así como a propia Gramicidina S, producidos con alta reproducibilidade en CSL e en medios sintéticos e publicados en revistas indexadas e congresos internacionais. O antibiótico desenvolvido está libre de ácido trifluoroacético (TFA) e contén análogos con pequenas modificacións nos aminoácidos, alcanzando unha pureza do 90% e maior eficacia que a Gramicidina S comercial. Entre os obxectivos destacan o escalado da produción e extracción mediante métodos sostibles, a validación das propiedades antibióticas a escala piloto, a protección da tecnoloxía con patentes internacionais e a colaboración coa industria e institucións. O proxecto busca combater a resistencia aos antibióticos, promover a produción sostible, mellorar a saúde pública mediante antibióticos máis seguros e efectivos, reducir custos sanitarios e minimizar residuos perigosos.

RoadCARE

Outro dos proxectos seleccionado é RoadCARE, liderado tamén dende Cintecx por Joaquín Martínez e Pedro Arias, cunha axuda de 205.821€. Este Proba Concepto céntrase en mellorar a seguridade do mantemento das estradas, poñendo o foco nas zonas de obras, puntos negros responsables do 18% dos falecementos en construción. O proxecto propón un sistema intelixente de monitorización que integra drons, conos robóticos autónomos e análise de datos en tempo real para axudar a mellorar a seguridades nestas zonas. RoadCARE supón unha mellora respecto de sistemas anteriores ao ofrecer un enfoque colaborativo multi-punto con algoritmos avanzados e contribuír á creación de xemelgos dixitais para simulacións e mantemento preditivo. Este proxecto é a continuación de RoadS2Win, unha liña de traballo que logrou un aumento do 130% na velocidade de procesamento e un aforro enerxético do 13%.

Sense4energy

Outro proxecto aprobado é Sense4energy, que busca desenvolver, validar e iniciar a transferencia dun dispositivo baseado en radar mmWave para a detección anónima de persoas, conteo e xeolocalización en espazos interiores, permitindo estimar en tempo real as cargas internas xeradas polos ocupantes (calor, humidade, CO2) e optimizar sistemas de climatización, ventilación e iluminación en edificios terciarios como hospitais, universidades e oficinas públicas. A proposta, liderada tamén dende Cintecx por Enrique Granada cunha axuda de 121.000€, xorde da necesidade identificada no proxecto previo DeepBEM, ao detectarse a falta de dispositivos precisos, económicos e respectuosos coa privacidade para medir a ocupación espacial. Sense4energy céntrase no deseño e fabricación do prototipo, validación en contorna real, desenvolvemento do módulo de estimación enerxética, integración con sistemas HVAC/iluminación, protección e valorización de resultados, e definición da estratexia de explotación. Prevese conseguir un aforro enerxético do 15–30%, redución de emisións, mellora do confort interior e pleno respecto ao RGPD, cun dispositivo de baixo custo (<150 €/unidade), autónomo en comunicacións e compatible con protocolos industriais, co que se planea a súa explotación mediante licenzas ou a creación dunha spin-off universitaria.