O Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (BIOSUV) é un grupo multidisciplinar que combina coñecementos de Enxeñaría Química con perfís complementarios para o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e sostibles aplicables a diversos sectores industriais.

Con máis de 50 proxectos de investigación, 25 teses de doutoramento e 500 artigos científicos, BIOSUV céntrase no deseño, optimización e innovación de procesos químicos, bioquímicos e ambientais, promovendo a economía circular e a sostibilidade. O grupo colabora con empresas, participa en proxectos europeos e contribúe á formación en graos, mestrados e doutoramentos. Cómpre destacar que conta co recoñecemento como grupo de referencia competitiva galego pola calidade da súa investigación.

Máis información:
https://portalcientifico.uvigo.gal/grupos/17715/detalle

María Ángeles Sanromán Braga - sanroman@uvigo.gal

Áreas de investigación

Liñas de investigación

  • Eliminación de contaminantes en medios acuosos: biorremediación, adsorción e captura de contaminantes, incluíndo CO₂.
  • Procesos (foto)electroquímicos e tecnoloxías de oxidación avanzada: tratamento de augas residuais e solos contaminados mediante procesos químicos, electroquímicos e fotoquímicos.
  • Produción de combustibles verdes (H₂): desenvolvemento de sistemas de hidróxeno verde e enerxías sostibles a partir de residuos agroindustriais.
  • Valorización de recursos mediante biotecnoloxía: reutilización de augas residuais e subprodutos agroindustriais, produción de fertilizantes, encimas, metabolitos e bioprodutos de alto valor.
  • Síntese e aplicación de materiais avanzados: MOFs, perovskitas, catalizadores híbridos e líquidos iónicos aplicables en procesos ambientais e biotecnolóxicos.

Tecnoloxías destacables

  • Biorreactores e fermentadores de laboratorio e piloto: produción e inmobilización de encimas microbianas.
  • Plataformas piloto de produción e purificación: escalado de bioprocesos e biorefinerías sostibles.
  • Sistemas de cultivo de microalgas e separación sólido-líquido: produción de bioactivos a partir de microalgas e residuos industriais.
  • Reactores electroquímicos, fotocatalíticos e de oxidación avanzada: tratamento de augas residuais e solos contaminados.
  • Reactores fotoelectroquímicos e catalizadores avanzados: produción de combustibles verdes como hidróxeno e biocombustibles.
  • Plataformas de biosensado e sensores electroquímicos miniaturizados: monitorización ambiental de contaminantes en augas e solos.