Miguel Concheiro, protagonista do mes de xullo no calendario ilustrado de CINTECX: «A investigación é un traballo moi gratificante, pero hai que saber poñer límites»

O investigador do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas e profesor da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo comparte en Cámara Aberta a súa experiencia compaxinando a carreira científica, a docencia e a vida familiar.

Miguel Concheiro Castiñeira é o protagonista do mes de xullo do calendario ilustrado de CINTECX. A través dunha nova entrega de Cámara Aberta CINTECX a Mulleres e Homes STEM, iniciativa impulsada grazas ás Axudas á Sensibilización da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, o investigador ofrece unha visión persoal sobre a súa traxectoria científica e os retos da conciliación no ámbito universitario.

Investigador do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas de CINTECX e profesor na Escola de Enxeñaría Industrial, Concheiro desenvolve a súa actividade en diferentes liñas de traballo relacionadas coa enerxía, aínda que boa parte do seu labor céntrase no estudo da ebulición de fluídos. A súa carreira investigadora comezou case por casualidade durante os últimos anos da titulación de Enxeñaría, cando descubriu o traballo que se realizaba nos grupos de investigación da universidade.

Ata aquel momento tiña claro que quería ser enxeñeiro, pero non que existise a posibilidade de dedicarse á investigación. Foi durante a realización do seu proxecto fin de carreira cando entrou en contacto con esta realidade, unha experiencia que acabaría por levalo a realizar unha tese de doutoramento e a desenvolver toda a súa traxectoria profesional na Universidade de Vigo.

Na actualidade, o seu día a día repártese entre a actividade docente, a investigación e o coidado dos seus dous fillos. Unha rutina que transformou profundamente a súa forma de organizar o tempo e de entender o traballo. Se antes dedicaba máis horas presenciais á universidade, agora procura adaptar parte das súas tarefas para poder compartir máis tempo coa súa familia, sen renunciar a unha profesión que define como especialmente enriquecedora.

Conciliar sen renunciar á investigación

A experiencia da paternidade levou a Concheiro a replantexarse a xestión do seu tempo. Aínda que recoñece que dispoñer de máis horas podería traducirse nunha maior produción científica, defende a necesidade de establecer límites e preservar espazos para a vida persoal. Na súa opinión, a investigación é unha actividade que sempre pode absorber máis tempo do dispoñible. Por iso considera importante evitar que o traballo ocupe toda a xornada e atopar un equilibrio sostible a longo prazo.

Durante a entrevista tamén subliña a importancia dos permisos de paternidade, especialmente no seu caso, ao non contar cunha rede familiar de apoio próxima. “Estabamos a miña muller e mais eu sós en Vigo. O neno estaba con ela ou estaba comigo”, lembra. Tanto el como a súa parella gozaron integramente dos períodos de permiso dispoñibles tras o nacemento dos seus fillos, unha medida que lles permitiu afrontar os primeiros meses de crianza en mellores condicións.

Horarios máis racionais para favorecer a conciliación

Aínda que valora os avances logrados en materia de igualdade e conciliación, considera que aínda quedan aspectos por mellorar, especialmente na organización da docencia universitaria. Ao seu xuízo, a investigación ofrece certa flexibilidade para adaptar os horarios ás necesidades familiares, pero a docencia está moito máis condicionada por calendarios e franxas horarias que poden estenderse ao longo de todo o día. “Hai días que empezo ás nove da mañá e outros que remato ás oito ou ás oito e media da tarde. Iso si que dificulta a conciliación”, sinala. Neste sentido, aposta por avanzar cara a horarios máis racionais e mellor delimitados.

Malia as dificultades, Concheiro anima as novas xeracións a achegarse ao mundo da investigación. Considera que é unha profesión capaz de ofrecer grandes satisfaccións, tanto polos avances científicos acadados como pola posibilidade de contribuír á formación de futuros profesionais. Un labor esixente, pero tamén profundamente vocacional, que segue espertando nel a mesma ilusión que cando descubriu, ao final da carreira, que investigar tamén podía ser unha forma de construír o futuro.