Xanel Vecino, investigadora de CINTECX, entre as mulleres que lideran na UVigo as axudas da Xunta para persoal investigador con traxectoria excelente

DUVI 05/12/2023
A Xunta de Galicia financiará con 660.000 euros cinco proxectos de persoal investigador da Universidade de Vigo con traxectoria excelente, dos que catro están liderados por mulleres: Elena Ojea, do Centro de Investigación Mariña, CIM; Sandra Rivas e Laura María Salonen, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e Xanel Vecino, do Centro de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Industriais, CINTECX, o que pon de relevo o liderado e a importancia do papel desempeñado polas investigadoras dos diferentes centros nas propostas presentadas a unha convocatoria coa que o goberno galego busca impulsar a excelencia e dar estabilidade ao persoal científico que exerce en Galicia. A elas súmase o investigador Ramón Novoa, do CINBIO, considerado tamén investigador emerxente.

Elena Ojea recibirá 200.000 euros como beneficiaria dunha axuda dirixida a reforzar unha traxectoria investigadora xa consolidada e as demais persoas beneficiarias, persoal investigador emerxente con traxectorias de excelencia, contarán con cadansúa axuda de 115.000 euros.

Xanel Vecino, do CINTECX

Desde o ámbito tecnolóxico Xanel Vecino, membro do grupo de investigación de Enxeñaría Química 10 (EQ 10), porá en marcha o proxecto Aplicación da tecnoloxía de membranas para a obtención de biosurfactantes dos licores de lavado de millo en planta piloto (ATEMBIO), un traballo co que pretende aplicar a tecnoloxía de membranas, como tecnoloxía “alternativa innovadora, simple, rápida e respectuosa co medio ambiente”, para recuperar os biosurfactantes presentes nos licores de lavado de millo. “Unha vez recuperados caracterizaranse e avaliaranse para poder aplicalos nos diferentes sectores industriais”, explica a investigadora, quen conta xa con experiencia na obtención destes biocompostos a través dun proxecto previo do programa estatal Retos e Investigación, na modalidade de proxectos liderados por investigadoras novas.

“Para min conseguir esta axuda supón un importante pulo na miña liña de investigación, xa que me vai permitir avanzar nos procesos de diálises co fin de extraer os biosurfactantes presentes nos licores de lavado de millo a escala piloto (TRL 4-6) tendo en conta a sustentabilidade social, ambiental e económica”, recalca Vecino.