Tamén participaron nas visitas as alumnas e alumnos do Programa de Maiores
Máis dun cento de estudantes de bacharelato tecnolóxico de diferentes centros da comunidade galega e do Programa de Maiores da UVigo participaron este venres na Xornada de Portas Abertas CINTECX 2023, unha actividade na que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man, a modo de ruta do tesouro, as instalacións e os grupos de investigación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, da Universidade de Vigo.
A directora do centro, Concepción Paz, foi a encargada de darlles a benvida aos participantes e explicarlles, en grandes liñas, o labor de CINTECX, un centro punteiro no deseño e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas fronte aos retos aos que se enfronta a sociedade.
Divididos en grupos e mapa na man
Os primeiros en completar a ruta foron os alumnos e alumnas do IES Carlos Casares de Vigo seguidos dos do IES Beade. A continuación, chegou o alumnado do IES Castro de Vigo e do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Divididos en grupos e mapa na man, percorreron o centro experimentando nas diferentes actividades que as investigadoras e investigadores de CINTECX lles tiñan preparadas. Aprenderon sobre o procesamento de materiais con láser, a remediación de augas contaminadas, a corrosión, a termografía infravermella, os biosurfactantes e novos compostos biodegradables, a montaxe de maquinaria… A maiores tamén puideron coñecer con detalle que hai no subsolo, o funcionamento de láser, o banco de probas de motor asíncrono, ver o descoñecido a través do xeorradar, o uso da cámara de alta velocidade ou por que o ceo é azul. Non quedou recuncho de CINTECX polo que non pasara algún ou algunha estudante.