DUVI 29/01/2024
A Universidade de Vigo dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas e farao no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo. A institución viguesa deseñou un amplo programa de actividades como obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames, que permitirán dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no campo da I+D.
As diferentes propostas están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa FECYT, e a Unidade de Igualdade.
Cámara aberta de Cintecx ás mulleres STEM
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, tamén se une a esta efeméride e convida a investigadoras e estudantes do ámbito STEM a contar a súa experiencia nunha ‘Cámara Aberta’, un espazo no que poderán relatar as súas vivencias, tanto da súa etapa escolar como da carreira científica-tecnolóxica. Estas experiencias serán difundidas en formato vídeo co obxectivo de que poidan contribuír a fomentar as vocacións científicas femininas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. O evento levarase a cabo do 14 ao 16 de febreiro de 9.00 a 15.00 horas no propio centro.