Cintecx presenta unha guía práctica para integrar a perspectiva de xénero nas investigacións tecnolóxicas e industriais

Financiada pola Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, recolle “de maneira moi concreta e sinxela” criterios e pautas concretas de actuación

D. BESADÍO DUVI 12/03/2024
Existe un equilibrio de xénero no equipo do consorcio? Dáse esa mesma equidade nas posicións de liderado e toma de decisións? Considerouse o posible efecto do xénero nas variables da investigación? Este martes presentouse no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo unha guía práctica para integrar a perspectiva de xénero nas investigacións tecnolóxicas e industriais, unha iniciativa financiada polo Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo coa que se busca dotar ao persoal investigador das ferramentas e pautas específicas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación, fomentando así un enfoque máis inclusivo no ámbito científico.

A guía é o resultado dun proxecto desenvolto polo Cintecx baixo a dirección da responsable do centro, a catedrática Concepción Paz Penín, quen estivo acompañada nesta presentación pola deputada de Igualdade e Benestar da Deputación de Pontevedra Sandra Bastos; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez Suárez, e a profesora de Socioloxía da Universidade de Vigo Iria Vázquez Silva. “Gustaríame resaltar a importancia que ten este traballo para seguir avanzando nos temas de igualdade”, explicou a vicerreitora, quen, ademais de resaltar o feito de que se trata “dunha guía publicada en aberto e extensible a outros colectivos”, agradeceu á Deputación de Pontevedra todo o apoio económico que está a dar a este tipo de iniciativas a través da Cátedra de Feminismos.

“Imprescindible” para impulsar un cambio real

Pola súa banda, a deputada de Igualdade admitiu sentirse “moi orgullosa” de participar na presentación desta guía, un documento ao que se referiu como “de especial importancia”, destacando neste senso que os resultados acadados permitirán incorporar a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico e industrial e, en xeral, dotar ás investigadoras e investigadores das ferramentas e pautas específicas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación. “Estamos ante un documento moi necesario porque este enfoque de xénero é fundamental para obter un coñecemento máis completo e xusto e, á vez, imprescindible para impulsar un cambio real en materia de equidade de xénero na sociedade”, salientou Bastos, ao tempo que fixo fincapé en que “omitir a perspectiva de xénero nunha liña de investigación supón perder oportunidades” e, nese sentido, resaltou a importancia de que se estea a pór o acento na formación do persoal investigador.