Cintecx participa con 3 stands na feira ‘A ciencia que vén’ que celebrarase por primeira vez en Pontevedra

Augas claras, futuro brillante, Xeotecnologías aplicadas e Biomateriais de hoxe e mañá, son os stands que representarán a CINTECX nesta edición da Feira Científica

DUVI Pontevedra 20/05/2024

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o venres 31 de maio. Nesta xornada, a praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos. O evento desenvolverase entre 16.30 e as 19.30 horas e comprenderá tamén dúas presentacións de libros divulgativos e un coloquio sobre a alimentación do futuro, así como un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática, que terá lugar no Museo de Pontevedra.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da UVigo, esta feira científica forma parte do programa anual de actividades 2023/2024 do plan Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Pontevedra. Baixo o lema de Inflorescencia, neste evento outórgase especial importancia o papel da muller na ciencia e na investigación, ofrecendo unha vez máis a posibilidade de achegarse ao labor das investigadoras da Universidade, e despois de celebrar en Vigo as súas dúas primeiras edicións, trasladase neste 2024 a Pontevedra.

14 postos nos que achegarse á bioloxía, á enxeñaría ou á historia

Física, bioloxía, enxeñaría, telecomunicacións, historia e medio ambiente constitúen as liñas temáticas dun evento que arrancará na mañá do venres 31 coa visita do estudantado dos CEIP Barcelos e Froebel aos postos nos que 14 grupos de investigación darán a coñecer o seu labor, abríndose pola tarde ao público xeral. Entre outras propostas, esta expo-feira permitirá explorar as propiedades da contorna cunha cámara termográfica, da man do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintecx; ver mostras de tratamento de augas co grupo Biosuv e achegarse ás aplicacións clínicas de biomateriais e dispositivos biomédicos co grupo Novos Materiais FA3, tamén do Cintecx. O grupo XB2, do Centro de Investigación Mariña (CIM) proporá aos e ás visitantes construír unha dobre hélice de ADN con gominolas, mentres que o grupo de Filoxenómica do CINBIO levaraos a visualizar a estrutura do ADN a partir dun anaco de plátano. Así mesmo, o Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial, de atlanTTic, promoverá unha exhibición de pequenos satélites realizando manobras de balanceo, mentres que o Mapas Lab convidará a explorar a evolución da vida na Terra pintando réplicas en escaiola de fósiles ou participando nun “xogo de supervivencia”.

Este conxunto de actividades divulgativas permitirán tamén coñecer proxectos de investigación internacionais como Agrosus que, da man do grupo BEV1, levará a explorar a diversidade agroecolóxica de Europa. Do mesmo xeito, o grupo BiotecnIA promoverá unha serie de actividades centradas nas súas liñas de estudo sobre o aproveitamento de residuos producidos nas industrias e a obtención de produtos de alto valor a partir de insectos comestibles. Ao mesmo tempo, esta expo-feira permitirá coñecer as investigacións que o grupo Geotech, do Cintecx, centra na monitorización de transporte con drons ou no desenvolvemento de ferramentas de dixitalización para a planificación de construcións.

Neste abano de propostas insírese tamén o obradoiro no que o Post-Growth Innovation Lab convidará a crear pezas artísticas con “materiais inspiradores para o coidado medioambiental” e a piscina de bolas na que o Grupo de Ecoloxía Animal animará os participantes a coñecer a biodiversidade do solo localizando bacterias, fungos e animais. Da man do grupo Griles, será posible achegarse ás características da lingua de signos española e o contexto social e cultural no que se desenvolve, mentres que no espazo do grupo HC1 poderán observarse as flutuacións demográficas da provincia de Pontevedra e unha prospectiva de como será en 2100.