Visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas. Detectar manipulacións nas imaxes. Descubrir como evoluciona o cerebro e as súas neuronas. Achegarse e imitar as pinturas rupestres. Aprender cuestións relacionadas coa economía, a sociedade e o medio ambiente. Estas son só algunhas das actividades nas que ata última hora da tarde deste venres poderán participar todos os nenos e nenas, mozos e mozas, así como as súas familias, na feira científica A ciencia que vén ten nome de muller. Organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología- e a colaboración do Concello de Vigo, a feira achega a través dunha ducia de postos ubicados nunha carpa situada na praza do Berbés, o traballo que desenvolve o persoal investigador da UVigo, nomeadamente as mulleres, co obxectivo de espertar vocacións científicas, en especial entre as nenas e as mozas.
Uns 80 estudantes de 5ºe 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis foron os primeiros en descubrir este mediodía os 12 postos da feira ,dos que nove corresponden a grupos de investigación da UVigo; un á Unidade de Igualdade, no que se amosan diferentes xogos e actividades vinculados á muller na ciencia; e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo. Durante dúas horas, as es os estudantes convertéronse en detectives de imaxes da man das e dos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións do Centro atlanTTic; responderon ás preguntas que sobre economía e sociedade lles formularon os integrantes de Ecobas; descubriron a evolución do cerebro e o seu funcionamento e puideron extraer o ADN do plátano, cos grupos de Neurofisioloxía e Xenómica; aprenderon como se pintaba na prehistoria co grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio; descubriron propiedades da linguaxe e a comunicación co Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas; manipularon os recursos minerais co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros e familiarizáronse con especies mariñas e terrestres cos grupos de Oceanografía Biolóxica e Bioloxía Ambiental.